Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 27/06/2025 | Actualizada ás 22:00
Cada 28 de xuño, as rúas énchense de cor, música e celebración. As carrozas avanzan entre bailes, sorrisos, abelorios e bandeiras multicores. Sen embargo, o Orgullo LGTBIQ+ non nace na euforia nin nos focos, senón na resistencia. É o eco de décadas de exclusión, de corpos reprimidos, de desexos silenciados. O Orgullo é, ante todo, memoria. E é tamén unha conquista política: cada dereito que hoxe se celebra foi antes unha loita colectiva, unha marcha baixo ameazas, unha pancarta alzada entre o medo. Esta reportaxe percorre algunhas das manifestacións clave na historia do movemento LGTBIQ+, non só como fitos emocionais, senón como motores de cambio lexislativo. Dende os disturbios no Stonewall Inn ata as primeiras protestas en Galicia, cada mobilización contribuíu a transformar o rexeitamento social en recoñecemento legal. E fíxoo a través do activismo máis potente que existe: o de quen non poden deixar de ser quenes son.
STONEWALL IN, NOVA YORK (28 DE XUÑO DE 1969)
A policía irrumpiu no Stonewall Inn, un bar de ambiente no Greenwich Village, e foi recibida cunha resistencia inagardada por parte da clientela, integrada sobre todo por persoas trans, racializadas e marxinalizadas. Marsha P. Johnson e Sylvia Rivera foron algunhas das activistas que lideraron as revoltas, que se extenderon durante seis noites de protesta nas rúas. Foi a chispa que acendeu o movemento LGTBIQ+ moderno. As redadas policiais en locais frecuentados por persoas homosexuais eran habituais, pero esa noite algo mudou. A comunidade decidiu que xa non podía seguir aceptando os abusos como parte da paisaxe cotiá. Os disturbios xeraron unha ondada de indignación, solidariedade e organización sen precedentes. Creáronse comités de defensa, grupos de apoio mutuo e, sobre todo, unha narrativa de empoderamento que por fin escapaba da clandestinidade.
PRIMEIRAS MARCHAS DO ORGULLO EN ESTADOS UNIDOS (XUÑO DE 1970)
Un ano despois de Stonewall, milleiros de persoas manifestáronse en Nova York, Os Ánxeles e Chicago. Foi a primeira marcha do Orgullo da historia. Sen carrozas nin abelorios, foi un acto de valentía e visibilidade. A marcha de Nova York percorreu dende o Stonewall ata Central Park e sentou un precedente global. Non se trataba só de conmemorar os disturbios, senón de desafiar a invisibilidade á que o sistema empurraba a toda a comunidade. As consignas eran claras: 'Out of the closets and into the streets'. A aparición masiva de persoas LGTBIQ+ no espazo público rachou un tabú que persistira durante séculos. O activismo deixaba de ser un segredo: convertíase nun dereito a ocupar a cidade.
BARCELONA (26 DE XUÑO DE 1977)
Unhas 4.000 persoas marcharon en plena Transición para reclamar a fin da Lei de Perigosidade Social e do delito de escándalo público que criminalizaba a homosexualidade. A protesta foi disolta violentamente pola policía. Foi a primeira gran manifestación LGTBIQ+ en España. Aquel acto foi unha mostra de valentía inaudita. Nun país que acababa de saír da ditadura franquista, saír do armario podía custar o traballo, saír do armario pudía custar o traballo, a familia ou mesmo a liberdade. A protesta non só denunciaba leis inxustas, senón que plantaba cara a un clima social de estigma, violencia e silencio. Aquela xornada abriu o camiño para que moitas outras persoas se organizaran en colectivos, xerando un movemento amplo que non volvería repregarse.
MADRID (25 DE XUÑO DE 1978)
Unhas 7.000 persoas marcharon polo centro de Madrid nun acto que foi reprimido pola policía. Organizada pola Fronte de Liberación Homosexual de Castela, foi unha das primeiras manifestacións masivas na capital, e significou un punto de inflexión para a organización do movemento. A manifestación visibilizou a necesidade de construír un movemento estatal e de artellar demandas comúns. Foi tamén un ensaio de resistencia fronte á violencia institucional, que non dubidou en reprimir duramente a protesta. Aquela xornada xerou un sentimento colectivo de empoderamento que deu lugar a unha rede de colectivos que, décadas despois, lograrían unha das grandes conquistas do movemento: o matrimonio igualitario.
VIGO (29 DE XUÑO DE 1981)
A primeira manifestación do Orgullo en Galicia tivo lugar en Vigo, cunhas 500 persoas marchando polo centro. Foi unha protesta contra as detencións de mariñeiros pola súa orientación sexual e un acto de afirmación nunha sociedade aínda moi conservadora. Nun contexto marcado pola represión social e a incomprensión institucional, a mobilización en Vigo tivo un caracter pioneiro. Non se trataba só de esixir respecto, senón de ocupar o espazo público con orgullo nunha terra onde a visibilidade era case inexistente. Aquela acción serviu para espertar conciencias e plantar unha semente que, cos anos, convertiríase en activismo organizado en toda Galicia.
ACT UP E AS PROTESTAS POLO VIH/SIDA (ESTADOS UNIDOS, ANOS 80 E 90)
En plena crise do VIH/SIDA, o colectivo ACT UP (AIDS Coalition to Unleash Power) organizouse para denunciar a inacción do goberno e da industria farmacéutica ante unha enfermidade que estaba diezmando á comunidade LGTBIQ+. Realizaron accións de desobediencia civil, irrumpiron na Bolsa de Nova York, bloquearon a sede da FDA e encheron de cinzas o xardín da Casa Blanca. A dor convertiuse en rabia política.
A CORUÑA (ORGULLOS DO 2000 A 2004)
Dende comezos dos anos 2000, as manifestacións do Orgullo na Coruña pasaron de ser encontros minoritarios a mobilizacións masivas. O labor de asociacións como ALAS e CASCO foron cruciais para xerar redes de apoio, conciencia e acción política en Galicia. Estas manifestacións reivindicaron o papel da diversidade sexual e de xénero no espazo galego, cun forte acento nos dereitos das persoas trans, intersex e non binarias. Incluíron demandas sobre educación, saúde, vivenda e memoria histórica. Convertéronse en espazos de interseccionalidade, onde conflúen feminismo, ecoloxismo, antirracismo e loita social, consolidando A Coruña coma referente do activismo LGTBIQ+ en Galicia.
A REVOLTA DO ORGULLO DE TBILISI (XEORXIA, 2021 A 2023)
En Xeorxia, país de forte tradición conservadora e relixiosa, os intentos de organizar o Orgullo foron brutalmente reprimidos. Sen embargo, centos de activistas, sobre todo mozos, insistiron cada ano en tomar as rúas, enfrontándose a agresións, ameazas e ataques. A represión do 2021 foi amplamente denunciada por organismos internacionais.
O Orgullo non é só un desfile: é a memoria de cada corpo que saíu á rúa cando o mundo lle deu as costas. Cada manifestación aquí narrada deixou unha pegada na historia e outra no marco legal. Celebralo é lembrar que a igualdade non se outorga: conquístase, con cada protesta, con cada reivindicación colectiva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.