A Xunta reivindica a "Galicia orgullosa" e a "liberdade de ser e amar" das persoas LGBTIQ+

Chama a que todo espazo sexa "seguro".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2025 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Xunta reivindicou, no marco da celebración do Día Internacional do Orgullo, a "liberdade de ser, existir e amar" das persoas LGBTIQ+ e a necesidade de que "todos os espazos sexan seguros" para elas. Segundo trasladou o Goberno galego nun comunicado, "son moitas as persoas que nalgún momento da súa vida tiveron que ser invisibles, sen poder vivir coa liberdade de ser, existir ou amar no seu día a día".

Por iso este sábado, día da celebración, o Executivo autonómico quixo pór o foco nas historias de vidas diversas "que non quedaron rexistradas, pero que existiron". "Visibilizar e celebrar o valor da diversidade é sempre imprescindible e, cando falamos da diversidade sexual, aínda máis porque foi un valor que durante tempo foi rexeitado", asegurou a Xunta.

Nesta liña, destacou que a "Galicia orgullosa" é a que "reivindica os dereitos das persoas LGBTI, a que se esforza para que todos os espazos sexan seguros, a que se une para construír unha sociedade máis igualitaria e a que recoñece a dor e as discriminacións sufridas polas persoas do colectivo".

Para iso, subliñou o Goberno autonómico, son necesarias políticas públicas que acompañen e normativas que "sigan avanzando para blindar a igualdade de trato e a non discriminación" das persoas LGBTIQ+ porque, "mentres exista unha soa discriminación ou violencia LGBTIfóbica, seguirase fallando como sociedade e Galicia non quere nin pode permitilo".

Así mesmo, a Xunta salientou o proxecto 'Historias LGBTI da Galicia Orgullosa', un "arquivo vivo e aberto a toda a cidadanía para acoller as vidas de onte, hoxe e mañá" e así tecer a historia "máis ampla, xusta e diversa da Galicia Orgullosa".

BANDEIRA LGTBI+
BANDEIRA LGTBI+ | Fonte: - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta