Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2025 | Actualizada ás 12:38
O Sindicato Libre de Traballadores Aéreos (SLTA) convocou unha folga indefinida a partir do 1 de xullo en Avincis Aviation España, a maior operadora de helicópteros de emerxencia do país. En Galicia esta mobilización afectará a persoal de oito helicópteros, aínda que os servizos mínimos están fixados ao 100%.
Segundo explica a Europa Press o coordinador do SLTA, Enrique Durán, os oitos helicópteros afectados por esta folga en Galicia son: dous de Gardacostas --dependentes da Consellería do Mar, con bases en Vigo e Celeiro; dous de Salvamento Marítimo, con bases en Santiago e A Coruña; dous de coordinación de incendios --dependentes da Consellería do Medio Rural--, con bases en Silleda e Verín; dous da Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) con base en Laza (Ourense) --dependente do Ministerio para Transición Ecolóxica--.
En concreto, Durán explica que os servizos mínimos serán ao completo polo que "non afectan ao servizo". "Desgraciadamente, xa somos os mínimos os 365 días ao ano e o noso servizo ao ser esencial está fixado ao 100%", indica. No entanto, estudan a convocatoria de protestas para dar a coñecer a súa problemática no marco dunha folga que durará ata final de ano.
Respecto diso, o responsable de SLTA relata que esta folga se debe a que os traballadores sofren "unha conxelación salarial desde 2017", o que se traduce nunha perda do poder adquisitivo do 25%, polo que requiren recuperar ese salario perdido. A isto únese a ausencia de "conciliación familiar" dos traballadores, cun calendario de traballo que se comunica "con cinco días de antelación", ademais de xornadas irregulares. Este luns, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica os servizos mínimos do 100% nos dous helicópteros de Gardacostas con base en Vigo e Celeiro.
O SLTA acusa á empresa de "antepor os dividendos de Ancala á calidade do servizo", e advirte que a súa xestión está a levar á compañía "ao bordo do colapso". Tras meses de negociacións infrutuosas, sinala a folga como único camiño ante o "bloqueo, enganos e humillacións" sufridos polo persoal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.