Un 4x4 para a historia

A primeira edición do torneo lucense ‘A Pista Vermella’ non defraudou: alto nivel deportivo, espectacular ambiente, ‘street basket’ en estado puro e vitoria final para os ‘Circus Shot’.

Por gcdeportes | Lugo | 13/06/2016 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

Esta fin de semana as redes sociais botaron fume en Galicia, sobre todo entre os amantes do deporte, e especialmente entre os afeccionados ó baloncesto. Tras unha década sen torneos de rúa en Lugo, esta popular modalidade de basket volveu situarse baixo os focos cun evento inesquecible para os centos de persoas que o seguiron en directo.

'Circus Shot', os gañadores do torneo: Charles Nkaloulou (Zornotza Saskibaloi, LEB Prata), Erik Quintela  (Xuven Cambados, LEB Prata), Guillermo Pereiro (Santo Domingo Betanzos, liga EBA), Sergi Quintela (Xuven  Cambados, LEB Prata) e Gullit Mukendi (Estudiantes Lugo, liga EBA).
'Circus Shot', os gañadores do torneo: Charles Nkaloulou (Zornotza Saskibaloi, LEB Prata), Erik Quintela (Xuven Cambados, LEB Prata), Guillermo Pereiro (Santo Domingo Betanzos, liga EBA), Sergi Quintela (Xuven Cambados, LEB Prata) e Gullit Mukendi (Estudiantes Lugo, liga EBA).

Volveron as pregarias meteorolóxicas, volveron as pretempadas dos días previos na muralla e no parque Rosalía... e desta volta, xa moi dentro da era das redes sociais, sumáronse unha morea de mensaxes, chíos, comentarios, fotos, vídeos, e todo tipo de comunicacións relativas á expectación creada por este novo acontecemento deportivo.

Non o tiña nada fácil Adrián López, pero cargouse ás costas toda a presión e devolveu a pelota
(nunca mellor dito) cun canastrón digno das highlights de Canal +.

O sábado houbo momentos nos que se contabilizaron arredor de 300 persoas no pequeno espazo da rúa Cornubia. Nenos, persoas de idade, familias, parellas, grupos de amigos... unha gran diversidade pero con algo en común: caras de felicidade, de encontros, de amizade, de diversión e de paixón polo deporte da pelota laranxa.

Os Diplomáticos da Cheda , Enfoca, Partido Porrista, Engroba´s Bulls, Gasket, La rana Cotelo, Lugoplastika, Los Burelos, Los Rockets de Lugo, Circus Shot, Rillotes, Porris Team, Sagrado Squad, The Shooter Team, Cidade de Lugo, Total Sport, Street Basket, Desde Viveiro con amor, Coach Team 2016 e Chi-cago... vinte nomes para o recordo do primeiro torneo oficial 4x4 da Pista Vermella. Equipos ben arquivados fotográficamente no facebook oficial da pista.

Gañaron os favoritos, os que xa levan varios anos dando recitais de baloncesto por todo o noroeste ibérico... o Circus Shot dos irmáns Quintela (Erik foi o MVP desta volta), Charles Nkaloulou, Gullit Mukendi e Will Pereiro. Na final enfrontáronse cuns bravos Rockets de Lugo capitaneados por John Manuel Moris (un clásico desta cancha) e cos destellos de calidade dun xogador novo do Santo Domingo Betanzos: Tyson Pérez. Este mesmo rapaz sería o gañador do concurso de mates (dando unha auténtica exhibición) e o de triplas quedaría para as vitrinas dun dos maiores cracks da histórica pista: Rubén Pernas.

E isto non foi todo! Tamén houbo oco para participantes de luxo. Nada menos que Manel Sánchez (icona da historia do baloncesto galego), Javier Muñoz (ascendido recentemente á ACB co CB Melilla), Esteban Gómez (outro dos históricos xogadores lucenses), Quique Fraga (actual adestrador do CB Breogán e tamén ex-xogador), Regina Gómez (unha das mellores xogadoras do baloncesto galego), Seydou Aboubacar (primeiro nixerino en debutar na ACB, hai un ano co Bilbao Basket), Sara Cuíña (CB Porta XI) e un longo etcétera. Xa queda menos para o segundo 4x4 da Pista Vermella de Lugo! Que a bola nunca deixe de botar...

Artigo de Guido Álvarez (@guidoalvarezp)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta