Inaugurada a oficina técnica do GALP Ría de Pontevedra en Poio

Integrado por seis municipios (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), este GALP desenvolve 25 proxectos para os que conta con 1,96 millóns de euros de axuda pública e de 2,6 millóns de investimento privado

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2025 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

O Grupo de Acción Local (GALP) Ría de Pontevedra inaugurou este xoves a súa oficina técnica en Poio co obxectivo de "seguir fortalecendo" o diálogo co sector e o tecido empresarial do mar.

Deste xeito, a Casa Rosada será o epicentro de actuación deste GALP, que ata agora se desenvolvía no porto de Marín, e que está formado por 59 entidades públicas e privadas. Delas, tal e como explicou a Xunta nunha nota de prensa, oito pertencen ao ámbito pesqueiro, 34 ao social, 11 ao económico e seis son de carácter público.

Na inauguración destas instalacións participou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, que puxo en valor a acción destas entidades, que definiu como o "principal instrumento para o logro da prioridade cuarta da Unión Europea: aumentar o emprego e a cohesión territorial mediante o cumprimento de obxectivos como o apoio á empregabilidade e o fomento do crecemento económico, a diversificación da actividade marítimo-pesqueira, a inclusión social e a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e da acuicultura".

Neste sentido, remarcou que son elementos determinantes para o aproveitamento da economía azul, a diversificación económica e a xeración de novas oportunidades laborais de calidade vinculadas á actividade do mar.

Integrado por seis municipios (Bueu, Marín, Pontevedra, Poio, Sanxenxo e Meaño), este GALP desenvolve 25 proxectos para os que conta con 1,96 millóns de euros de axuda pública e de 2,6 millóns de investimento privado.

Lonxa de Campelo
Lonxa de Campelo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta