Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2025 | Actualizada ás 12:53
Os profesionais do Servizo Público da Quenda de Oficio convocaron folga para os días 11 e 12 de xullo e levarán a cabo unha "peregrinación das togas" en Santiago de Compostela para reivindicar "os dereitos laborais dos profesionais".
Nun comunicado, o sindicato Venia explicou que a marcha, que se celebrará o día 11 ás 12,00 horas, arrincará da Praza da Constitución e terminará no Obradoiro.
O sindicato explicou que, co paro xeral e a peregrinación a avogacía e procura do Servizo Público da Quenda de Oficio, buscan evidenciar a "situación de abandono" que denuncian sufrir por parte da administración e das institucións, "que pon en perigo o dereito á tutela xudicial dos colectivos máis desfavorecidos".
"Coa peregrinación retómase unha tradición abandonada hai anos para darlle un significado novo neste momento no que é necesario reivindicar uns dereitos laborais que, aínda que pareza mentira, ata o momento foron negados aos profesionais deste Servizo", indica Venia.
Neste sentido, a organización sindical convida a todas aquelas persoas, entidades e organizacións que estean comprometidas co dereito universal á xustiza e co estado de dereito, así como a todos aqueles que fosen usuarios deste servizo ou poidan selo no futuro, a acompañarnos nesta peregrinación.
APOIO AOS EXPEDIENTADOS
Por outra banda, noutro comunicado remitido aos medios, a avogada Laura Rivas asegurou que profesionais da quenda de oficio están "a ser obxecto de expedientes informativos e disciplinarios polo mero feito de exercer, de forma pacífica e legal, o seu dereito de folga".
"Queremos denunciar publicamente unhas actuacións absolutamente inadmisibles que, lonxe de representar a defensa da profesión, constitúen unha forma de represalia institucional, impulsada polo propio Colexio profesional, cuxo único efecto é desincentivar futuras mobilizacións e reprimir a lexítima protesta dos avogados e avogadas da Quenda de Oficio", denunciou.
Así as cousas, explicou que, durante os últimos días, impulsaron unha carta de apoio na que esixen a "inmediata retirada dos expedientes incoados, así como un posicionamento claro e contundente das institucións colexiais en defensa dos dereitos fundamentais da profesión".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.