Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2025 | Actualizada ás 14:15
A viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, acusou á Xunta de recortar "en 5 millóns de euros" o financiamento ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e empregar esta mesma contía a "axudas míseras" duns 400 euros ao mes para asistir a persoas dependentes en casa a través do 'Bono coidado no fogar'.
"Este é o mellor reflexo do estilo Rueda, do modelo do PP: privatizar e devolver os coidados ao fogar para que sexan as mulleres, maioritariamente, as que coidan ás persoas dependentes por dous pesos. (...) Parece que vivimos nos anos 80!", denunciou a nacionalista nunha rolda de prensa este luns, previa ao último pleno da Cámara do curso político, no que o seu grupo defenderá unha moción para aumentar as partidas que destinan os gobernos galego e central aos concellos para financiar o SAF.
Trátase dunha iniciativa, en palabras de Rodil, para "blindar" este servizo que atende a máis de 23.000 persoas nas súas casas e que supón unha "enorme carga" para os concellos a nivel financeiro, cunha media de 23,6 euros por hora. Ademais, lembrou, os seus traballadores están actualmente "en loita por un convenio colectivo que sexa realmente xusto". Neste contexto, a moción do BNG pedirá un aumento progresivo da achega da Xunta ao SAF, ata os 17 euros a hora "con carácter retroactivo" desde o 1 de xaneiro de 2025; para que en 2027 sexa de 20 euros. Así mesmo, reclamará que o Estado asuma a súa parte de acordo coa lei de dependencia do ano 2006.
"Se de verdade se cre nos coidados como dereito, ningunha forza política debería votar en contra desta proposta", advertiu Rodil. A viceportavoz nacionalista foi moi crítica coa xestión dos servizos sociais por parte dun PPdeG que "desmantela a dependencia" porque "sempre viu un nicho de negocio para as empresas". Por exemplo, lembrou que as últimas residencias de titularidade autonómica construídas en Galicia foron promovidas pola Fundación Amancio Ortega e que, "en canto recibiron as chaves", privatizouse a súa xestión. "O mesmo" ocorre, engadiu, cos centros de crises 24 horas para atender a vítimas de agresións sexuais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.