Risco de colapso da cuberta dun edificio que leva máis de 10 horas ardendo en Pontevedra

Hai veciños que foron desaloxados que "saíron co posto, non teñen nada enriba, nin sequera documentación, nin as chaves do coche; non teñen nin para comer", segundo apuntou a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 08/07/2025 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Os bombeiros de Pontevedra continúan traballando na extinción do edificio incendiado na rúa Marqués de Riestra ante o risco de colapso da cuberta. Segundo detallou a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde, ás 1.15 horas da madrugada deste martes recibiuse unha chamada na Xefatura da Policía Local alertando do incendio. Os axentes municipais foron os primeiros en chegar ao lugar do suceso, momentos antes de que o fixesen os Bombeiros. Acto seguido procederon ao desaloxo do inmoble, aínda que algúns dos seus residentes xa estaban a saír por iniciativa propia.

Igualmente foron desaloxados dos seus pisos os veciños dos edificios lindeiros que dan a esa mazá e ao patio interior (edificio número 28 da rúa Oliva) mentres que os números 6A e 6B de Riestra tiveron que abandonar a súa vivenda a través dunha xanela auxiliados polos bombeiros porque non conseguían saír do edificio incendiado. Eva Villaverde detallou que no edificio sinistrado vivían 20 persoas, son 4 vivendas, ningún deles sufriu danos, excepto unha pequena queimadura que se produciu durante o desaloxo, "polo que nos temos que congratular de que todo quedase nese susto".

O Parque municipal de Pontevedra foi auxiliado polos efectivos do Consorcio provincial contra incendios, concretamente das bases de Ribadumia e do Morrazo, estes últimos acudiron para fornecer auga xa que foron necesarios naquel primeiro momento tres camións cisterna e dous camións cesto. Trátase dun edificio con pisos, escaleiras e teitos de madeira e cunha cuberta de panel "sándwich", é dicir, "un material moi inflamable" polo que "está a ser aínda moi difícil controlar o lume". Nun primeiro momento, controlado o incendio e desaloxados os veciños, os bombeiros empezaron a arrefrialo e procederon a asegurar a zona retirando aqueles materiais que puidesen caer á rúa.

"Sobre as seis da mañá quedou, en principio, case apagado, ou polo menos absolutamente controlado", e unha vez que se fixeron todas as medicións por parte dos bombeiros e se comprobou que estaban en situación de seguridade en canto a fumes e materiais tóxicos, autorizouse a entrada dos veciños nas súas vivendas. Con todo, ao redor dunha hora máis tarde, colapsou a escaleira interior do inmoble e volvéronse a reavivar as chamas. Pasadas as once da mañá os bombeiros seguían actuando no lugar. 

Continúan os labores de extinción do edificio incendiado en Pontevedra ante o risco de colapso da cuberta
Continúan os labores de extinción do edificio incendiado en Pontevedra ante o risco de colapso da cuberta | Fonte: Europa Press

Preocupaba a situación da cuberta ante o risco de colapso de toda estrutura de panel "sándwich" e falso teito de madeira. Actuaron neste incendio axentes da Policía Local e da Nacional, Bombeiros de Pontevedra e do Consorcio Provincial, e voluntarios de Protección Civil. Ademais achegouse ao lugar unha ambulancia medicalizada. A todos eles, especialmente aos bombeiros, Eva Villaverde trasladou o seu agradecemento polo traballo que están a desenvolver.

DESALOXADOS

En canto ás 20 persoas desaloxadas do inmoble incendiado, as dúas familias que residían nas vivendas da primeira planta foron recolocadas noutros pisos que lles ofreceu o arrendador. En canto aos inquilinos da segunda planta, onde se orixinou o lume, son un total de 12 persoas que foron reacollidas nun piso de titularidade municipal. O servizo de Benestar está a atender a estas persoas para "pór á súa disposición todos os instrumentos e recursos que sexan necesarios", para atendelos "tanto agora de emerxencia como nos próximos días". Eva Villaverde indicou que "estas persoas saíron co posto, non teñen nada enriba, nin sequera documentación, nin as chaves do coche. Non teñen nin para comer".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta