Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2025 | Actualizada ás 14:09
Os Entroidos tradicionais de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño de Conso, coñecidos conxuntamente como os Entroidos do Oriente Ourensán, foron recoñecidos como Festa de Interese Turístico Nacional pola Secretaría de Estado de Turismo. A declaración destaca o seu carácter ancestral, os valores culturais que representan e o seu grande atractivo turístico. A iniciativa partiu dunha solicitude conxunta dos tres municipios da comarca, que decidiron unir forzas para preservar e difundir unha tradición común que se mantivo viva con forza ao longo dos anos.
Estes entroidos comparten elementos distintivos como os folións —procesións de veciños cos seus instrumentos e rituais— que se desprazan entre aldeas a modo de embaixadas festivas, reforzando os lazos culturais e sociais entre os pobos. Entre as figuras máis emblemáticas destacan a mázcara e o boteiro, personaxes que se repiten nos tres concellos e que simbolizan a identidade desta celebración. O Ministerio de Industria e Turismo valorou positivamente esta colaboración intermunicipal e a conservación dunha tradición que ten raíces pagás e vínculos con culturas antigas como a romana, a celta ou a grega.
Ademais do seu valor patrimonial, os Entroidos do Oriente Ourensán contan cunha destacada proxección turística grazas a eventos como o Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask, que se celebra en Viana do Bolo e Vilariño de Conso, reunindo máscaras tradicionais de Galicia e de países como Portugal. Con esta distinción, Galicia suma xa once Festas de Interese Turístico Nacional, mentres que en todo o Estado español son 162 as festas populares que contan con este recoñecemento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.