Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2025 | Actualizada ás 14:18
O Parlamento de Galicia rexeitou este mércores unha proposta do BNG para regular o sector das plantas de biogás e biometano, co voto en contra do PP e a abstención do PSdeG. A iniciativa buscaba establecer criterios rigorosos para o desenvolvemento destes proxectos no marco da transición enerxética, evitando que se convertesen en novos focos de conflito ambiental. A nacionalista Montserrat Valcárcel advertiu do risco de implantar "macroproyectos" en lugares como Coeses (Lugo), Curtis (A Coruña) ou Xunqueira de Ambía (Ourense), e pediu unha regulación para garantir que estas instalacións se fagan con responsabilidade.
Durante o debate, a socialista Patricia Iglesias recoñeceu o potencial das plantas de biometano para a economía circular e o seu posible papel como motor económico en zonas afectadas polo despoboamento. Non obstante, propuxo unha emenda de substitución ao entender que a proposta do BNG "non se adapta á realidade territorial de Galicia", sinalando a fragmentación do tecido agrario. Pola súa banda, o deputado popular Gonzalo Trenor acusou ao Bloque de usar argumentos alleos á realidade galega, mesmo apuntando que parte do texto tiña trazas dun “copy-paste dun xornal de Castela e León”.
Fóra da Cámara, coincidindo co debate, un grupo de veciños e activistas concentráronse ás portas do Parlamento para protestar contra a planta de biometano proxectada en Coeses. Portaban unha pancarta coa mensaxe "Lugo non quere cheiros" e reclamaron unha regulación clara que impida instalar estas infraestruturas "a capricho dun promotor". Daniel Vispo, de Adega, denunciou que o proxecto está previsto preto de vivendas e advertiu de posibles impactos ambientais, como a contaminación da auga e do aire.
Vispo tamén lembrou que a Confederación Hidrográfica non autorizou a vertedura de augas residuais á conca do Miño, e avanzou que seguirán mobilizados. “Temos medo de que a empresa queira continuar o proxecto, xa sexa modificándoo ou presentando outro. Hai que avalialo ben antes de colocar unha planta destas características”, advertiu. O conflito volve poñer sobre a mesa o debate entre transición enerxética e ordenación territorial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.