Encontro multidisciplinar aposta por outro modelo territorial para Galicia

300 profesionais alertan do impacto de proxectos industriais e anuncian novas mobilizacións para influír na planificación futura.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/07/2025 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

Uns 300 profesionais de distintas disciplinas participaron este sábado en Leboreiro (Melide) nun encontro pola defensa do territorio galego, marcado pola presentación dun manifesto asinado por 320 persoas. A iniciativa, organizada por arquitectos, xeógrafos, urbanistas e outros expertos, incluíu unha camiñada de 3,5 quilómetros desde Palas de Rei ata o punto escollido, situado a só 1,5 quilómetros do lugar onde se proxecta a instalación dunha empresa privada, en alusión implícita ao proxecto de Altri.

Presentación da xornada 'Encontro de profesionais pola defensa do territorio'
Presentación da xornada 'Encontro de profesionais pola defensa do territorio' | Fonte: Europa Press

A arquitecta Alba López denunciou que determinadas actuacións, mesmo avaladas por administracións públicas, poderían “esnaquizar o territorio”, mentres que o arquitecto Xosé Allegue subliñou que “o territorio galego está a sufrir agresións e é necesario defendelo”.

Durante a xornada, veciños tomaron a palabra para expresar a súa preocupación e reclamaron un compromiso político co territorio que vaia máis alá dos intereses partidarios. A arquitecta Alba López reivindicou que “o urbanismo e as ciencias serven para mellorar a vida das persoas” e pediu que “a administración repense o que vai facer”.

A xeógrafa da USC María Xosé Piñeira incidiu na necesidade dunha planificación territorial con visión integral e cohesionada, e advertiu de que este encontro é só o primeiro dunha serie de accións que pretenden influír na toma de decisións institucionais sobre o futuro do territorio galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta