Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2025 | Actualizada ás 18:53
A Asociación Galega na Defensa do Sistema Público de Dependencia e Discapacidade (ASGADeD), o Sindicato Labrego Galego (SLG) e Comida Digna XA reclaman medidas para terminar coa "mala calidade" da comida servida nas residencias de maiores e servizos como Xantar na Casa, que presta apoio domiciliario a estas persoas e a outras en situación de dependencia en cuestións alimenticias.
Para iso, presentaron alegacións ao real decreto que elabora actualmente o Goberno central para regular as comidas que se serven en hospitais e en residencias de maiores e, así, estas sexan saudables e nutritivas. Entre elas, esixiron eliminar os precocinados e priorizar a cociña de proximidade, segundo indicaron nunha rolda de prensa celebrada este mércores.
Margarida Prieto, en representación do Sindicato Labrego Galego, puxo encima da mesa a "situación grave" que se vive a este respecto. "É moi urxente un cambio no tipo de alimentación que está a chegar a estas persoas", sinalou.
"Xa está ben de culpabilizar aos propios usuarios da situación, de ameazalos, de polos como problemáticos e de expulsalos dos programas", afectou. En consecuencia, chamou a que esta sexa "unha demanda de toda a sociedade".
Este é o caso de Manuel Carracedo, usuario de Xantar na Casa de Vilalba, que certifica unha experiencia con detalles "moi deficientes", entre os que refire a "patacas crúas" ou a froita "de terceira".
Precisamente, a nutricionista Francisca Martínez, membro de Comida Digna XA, describe, en base a datos de Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía, que "en moitísimos dos casos" non se alcanzan as recomendacións de verduras e froitas, produtos lácteos, legumes, mariscos e froitos secos.
Neste sentido, sostén que "non se cumpren" recomendacións básicas de micronutrientes, como o potasio e o iodo, nin de vitaminas como a C, o D e a E. O recalentado é un aspecto que agrava esta situación: "No momento no que o sometemos a este proceso o prato vai perder os micronutrientes que posuía de maneira inicial".
"Estamos a abocar a estas persoas a que non se cumpran os requirimentos básicos para unha calidade de vida medianamente potable", criticou Martínez.
ALEGACIÓNS
Entre as alegacións presentadas ao real decreto dentro dunha consulta pública aberta, estes colectivos esixiron que se regule a comida a domicilio dentro de programas de intervención social, como é Xantar na Casa; así como se prohiban os precociñados e se priorice a cociña 'in situ', tanto nestes programas como en centros e residencias. Para iso, piden a repaertura das cociñas propias.
Así mesmo, reclaman que os alimentos servidos conteñan as cantidades óptimas de vitaminas, de minerais e outras sustancias esenciais e que estes sexan de tempada e de proximidade.
Entre as demais peticións realizadas, solicitaron que se establezan "obrigacións concretas, avaliables e esixibles" para a alimentación que se lle dá ás persoas maiores. "Senón existe o risco de facer un paripé", advertiu Francisco Vázquez, de ASGADeD.
Ademais, as plataformas demandan que existan programas "imprescindibles" para realizar un seguimento do estado nutricional das persoas usuarias e, desta forma, coñecer cales son as características das patoloxías que aparecen nestas institucións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.