Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/06/2016 | Actualizada ás 11:00
Unha nova guía explora as distintas rutas históricas da Galaeccia. “De Gallaecia á Eurorrexión, rutas turísticas da nosa historia” é a proposta en forma de libro turístico que fai o grupo NOMEE, en colaboración co Eixo Atlantico.
'De Gallaecia á Eurorrexión, rutas turísticas da nosa historia', percorre desde os antigos asentamentos prehistóricos, a Idade Media, a invasión Napoleónica ou a era moderna e industrial do s. XX. Agrupadas en seis capítulos: Arte en pedra. A nosa prehistoria; De castrexos e romanos; Xermanos, Árabes e Viquingos; De reis, bispos e monxes; O tempo dos modernos; Da Revolución aos nosos días, a guía pon en valor a riqueza etnográfica da eurorrexión ao longo da Historia, cos fitos singulares que poden ser visitados e recoñecidos. A guía une, ademais, de forma virtual un percorrido, a modo de ruta, para aqueles viaxeiros que desexen coñecer as singularidades do territorio.
'De Gallaecia á Eurorrexión, rutas turísticas da nosa historia', conta con 218 páxinas das que se editan 60.000 guías en catro idiomas: castelán, portugués, galego e inglés. GC participa nesta iniciativa de difusión ofrecendo a difusión da guía e tamén, en colaboración co Eixo Atlántico e a cidade de Chaves, sorteando unha estancia de fin de semana para dúas persoas nun hotel desta cidade.
A piques de cumprir 25 anos de existencia, o Eixo Atlántico configúrase como a estrutura sobre a que se vertebra a eurorrexión Galicia Norte de Portugal, a máis antiga, e unha das máis dinámicas de Europa. Son sete millóns de habitantes compartimos diariamente este espazo económico, social e cultural deste espazo que se corresponde case coa antiga Gallecia e que configura a terceira área urbana da Península Ibérica e que se atopa entre as 10 principais da Unión Europea.
E neste amplo espazo hai seis cidades Patrimonio da Humanidade, 4 máis en proceso de candidatarse, sen contar co Camiño de Santiago que, ademais da súa clasificación como Patrimonio da Humanidade no seu Camiño Francés, e en proceso que impulsamos desde o Eixo Atlántico para obter a declaración do Camiño Portugués, configura o itinerario cultural e relixioso máis importante do mundo.
Na última década, estase promovendo o desenvolvemento turístico da eurorrexión vinculado ao Camiño de Santiago, a etnografía, a gastronomía ou as cidades. Por iso, este ano, a Eurorexión quere poñen en valor a súa riquísima historia como un elemento turístico e económico para que os seus habitantes poidan visitar e gozar dunha historia común desde a prehistoria, até as guerras Napoleónicas ou a revolución industrial, nos albores do s. XX.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.