Debate sobre os perigos do petróleo en Ames

Véspera de Nada entrégalle ao rexedor de Ames o informe sobre os límites do crecemento.

Por Galicia Confidencial | Ames | 19/06/2016 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Ames viviu este venres un intenso debate sobre o futuro do petróleo e a súa influencia na economía. Foi no marco do acto de entrega, por parte da Véspera de Nada, ao alcalde de Ames, José Miñones, dun exemplar da edición impresa do informe Limits revisited, encargado polo grupo que no parlamento británico está a estudar a cuestión dos límites ao crecemento e que foi traducida ao galego por Véspera de Nada ás poucas semanas da súa publicación en inglés.

Intervención do profesor Xoán R. Doldán  nun acto de Véspera de Nada en Ames
Intervención do profesor Xoán R. Doldán nun acto de Véspera de Nada en Ames | Fonte: Ames pospetróleo.

Precisamente o crecemento económico foi descrito como o principal problema da nosa sociedade para encarar o futuro tanto no documental 'Non hai mañá' como na intervención do profesor da USC, Xoán Doldán. "Ao ser a nosa unha auténtica petroeconomía, é dicir, un sistema que só sabe medrar e que só o pode facer a base de petróleo, basicamente, o devalar da dispoñibilidade de petróleo para as nosas economías abócanos a un futuro que pode ser moi dramático”, dixo o profesor de economía aplicada na USC e ex-director do INEGA.

Doldán fixo unha breve presentación da asociación Véspera de Nada, no contexto da divulgación internacional que se vén facendo nos últimos anos acerca do problema derivado do Peak Oil ou Teito da extracción de petróleo, e explicou as súas repercusións na economía. Posteriormente presentouse a nova asociación local Ames Pospetróleo, “filla ou irmá pequena de Véspera de Nada”, como comentou o presentador e moderador do acto, Benxamín González. A presentación correu a cargo do seu presidente Emilio Román.

No debate posteriorentre membros do público xeral, de Ames Pospetróleo, Véspera de Nada, o alcalde e dúas concelleiras do grupo da oposición Ames Novo (Chus Boo e Pilar Candocia), falouse deste problema e das diversas perspectivas que se abren a nivel mundial, galego e local diante desta situación. O alcalde de Ames falou dalgunhas iniciativas que se están a poñer en marcha e afirmou que nas etapas anteriores nas que o PSOE participara no goberno de Ames se fixeran cousas nese sentido, aínda que sen a percepción do conxunto da situación de devalar mundial de petróleo.

Falouse tamén no debate na necesidade de promover non só o comercio senón tamén a produción local e dunha das medidas que Ames Pospetróleo recomendara nas súas xuntanzas previas ás eleccións municipais a todos os grupos políticos: elaborar unha guía completa dos produtores e produtoras de Ames, mais non só de alimentos senón de todo tipo de materiais e produtos, especialmente aqueles máis imprescindibles para a sociedade amesá.

Tamén se abordou o tema da divulgación do Peak Oil entre todos os sectores sociais de Ames, especialmente a xente máis nova; e a necesidade de volver a ollada ao rural, para rehabitalo. Tanto Véspera de Nada como Ames Pospetróleo ofreceron a súa colaboración para traballar con todos os grupos políticos municipais e seguir dando pasos para a divulgación e coñecemento do problema, como paso conveniente para comezar a tomar medidas e que estas sexan comprendidas como algo necesario para un Ames con futuro.

Tags: PETRóLEO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta