A 90 minutos dun ascenso histórico

O Cerceda de Ángel Cuéllar acada un valioso empate (0-0) ante o Atlético Sanluqueño e terá que gañar o vindeiro sábado no Roxo para ser equipo de Segunda B por primeira vez na súa historia.

Por gcdeportes | Cerceda | 19/06/2016 | Actualizada ás 08:59

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Atlético Sanluqueño 0:
Ismael; Alberto Fernández, Dani, José, Ezequiel; Juanmi Becerra, Sergio Iglesias (Alberto Jiménez, 56’), Cristian, Carri (Joselu, 87’), Parada (Antonio Jesús, 69’) e Marc Cardona.
CCD Cerceda 0: Marcos Valín; Noé (Bilal, 46’), Javi Angeriz, Marcos Caridad, Popi; Edu (Abelenda, 82’), Granada; Uzal; Álex Ares, Juan (Agulló, 59’) e Uxío.
Sen goles.
Árbitro: Pablo González Umbert (estremeño). Amarelas a Dani (55’), Juanmi Becerra (71’) e Ezequiel (85’) nos locais e a Javi Angeriz (35’) no Cerceda.
Incidencias: partido de ida da eliminatoria final polo ascenso a 2ªB no campo de El Palmar ante máis de 3.500 espectadores.

Cerceda e Atlético Sanluqueño, antes de principiar, nun ateigado El Palmar.
Cerceda e Atlético Sanluqueño, antes de principiar, nun ateigado El Palmar. | Fonte: @CCDCERCEDA

A noventa minutos dun ascenso histórico. Un empate a mil quilómetros da casa para poder sentenciar o vindeiro sábado no Roxo. Un Cerceda impecable en defensa fixo o partido que máis lle conviña ante o Atlético Sanluqueño en El Palmar, apenas pasou apuros atrás e Álex Ares tivo de falta a falla de cinco minutos a mellor ocasión dos galegos para marcar. Ao final, 0-0.

Aguantou o Cerceda sen problemas a presión local. Un Agulló algo tocado quedou no banco e Ángel Cuéllar dispuxo un 4-2-3-1 para amarrar o encontro. Os locais levaron o peso dun choque intenso dende o arrinque, pero foi Edu o primeiro en crear perigo antes de cumplirse os primeiros vinte minutos. Os andaluces reclamaron un penalti sobre Carri (minuto 22) e Marc Cardona, tras un despiste defensivo, tivo a mellor ocasión local pero o seu remate coa testa acabou nas mans de Marcos Valín. E de novo o meta cercedense, pouco antes do descanso, desbaratou a última ocasión local nos pés de Marc Cardona.

O veterano Noé, que coxeaba dun pé, quedou en vestiarios e entrou Bilal no lateral. O partido igualouse aínda máis, e loitábase con intensidade no medio campo. O Cerceda creou perigo nunha falta lanzada por Álex Ares que rematou fóra Uxío, e respostou de novo Marc cun disparo desviado. O Sanluqueño fixo dous trocos e o Cerceda parecía acusar o cansazo da longa viaxe e da calor andaluza. Pero o único perigo local foi nun remate de Alberto Jiménez preto do pau esquerdo de Marcos Valín (minuto 79) e varios córners que sacou sen apuros a defensa galega. Incluso puido marcar o Cerceda, nun lanzamento de falta de Álex Ares que sacou o meta local como puido.

0-0 e obxectivo acadado para os de Ángel Cuéllar, que non deberán confiarse na volta, xa que un empate con goles no Roxo clasificaría o Atlético Sanluqueño. Na 11ª tentativa tas 22 tempadas consecutivas en Terceira, o ascenso está a noventa minutos para o Cerceda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta