Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 24/07/2025 | Actualizada ás 14:32
O Hospital Materno Infantil do Centro Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) sufriu este mércores o desprendemento dun falso teito na segunda planta, de obstetricia, sen lamentar feridos, segundo confirmou o centro hospitalario. É o terceiro incidente que se produce no Materno Infantil, tal e como sinalou o sindicato de enfermaría SATSE, neste caso, nun despacho, chegando a afectar a algunha habitación de residentes.
Un derrube que se produce a poucos días de finalizar, segundo o previsto, as obras das plantas primeira e cuarta do edificio de Cristal, zonas á que se trasladarán os servizos de pediatría e obstetricia ata agora desenvolvidos no Materno Infantil. En concreto, o CHUO espera pór fin ao acondicionamento do edificio de Cristal a semana que vén.
AS OBRAS
As obras das plantas provisionais, impulsadas pola Xunta de Galicia cun orzamento de 2,7 millóns de euros, comezaban este luns, coa previsión de trasladar a hospitalización de obstetricia á zona dereita da primeira planta do edificio, e consultas e probas diagnósticas á esquerda desta mesma planta.
Doutra banda, a unidade de partos trasladarase á Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria, próxima ao edificio de Cristal. E, en canto a pediatría, a Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e neonatos desprazaranse á zona dereita da cuarta planta do edificio de Cristal, e hospitalización á zona esquerda. O CHUO informou de que o traslado garantirá unha "mellor coordinación" entre ambas as áreas, pediatría e obstetricia, pola súa agrupación en espazos contiguos con "comunicación interna reforzada".
A RESPOSTA DE TRABALLADORES E PACIENTES
O Sindicato de Enfermaría SATSE pide que o Hospital teña en conta "a opinión dos traballadores que están a pé de cama" porque "son os que sofren a falta de idoneidade dos espazos de traslado". "Preocúpanos que non fosen máis dilixentes á hora de determinar lugares de traballo seguros", engade o sindicato. Pola súa banda, a Asociación de apoio á lactación Arrolos de Teta lamenta un traslado "improvisado" e recalca que "as mulleres a día de hoxe non saben como van parir". "Quérennos facer crer que hai catro meses de planificación, pero todo responde a improvisación chafalleira", engade Parvati, membro da asociación.
BNG
Tras este derrube, o BNG rexistrou no Parlamento unha iniciativa para solicitar a comparecencia urxente do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. "A situación é intolerable", manifestou a deputada nacionalista Noa Presas, que sinalou que, a pesar de que non houbo que lamentar danos persoais, trátase do cuarto derrube. Neste sentido, puxo o foco no "risco que supón a situación na que se atopa o edificio" para as mulleres que teñen que dar a luz en Ourense.
Así, Presas reclamou ao conselleiro que garanta ás mulleres de Ourense unhas condicións "dignas" para parir e volveu esixir que paralice o traslado da sala de partos ata ofrecer unha alternativa "con todas as garantías sanitarias" e "onde se respecte a súa intimidade". "Non queremos nin un traslado chafalleiro nin un hospital que cae a anacos. O que pedimos é que se garantan as condicións dignas para as mulleres que van dar a luz", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.