Rueda aproveita o Día Nacional de Galicia para criticar a Sánchez e aos nacionalistas cataláns e vascos

Aposta por "blindar" Galicia fronte á "degradación" que ve "noutros territorios". Alerta sobre "a crise de credibilidade das institucións" provocada polos que "supostamente as usaron" para "delinquir".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2025 | Actualizada ás 10:32

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou nunha 'Tribuna' con motivo do Día de Galicia que "blindar" a Galicia "fronte á degradación" que ve "noutros territorios" é "unha obrigación irrenunciable" para "cuantos aspiran a actuar conforme os principios e valores propios dos bos e xenerosos que enxalza o himno" galego.

"Tender pontes, no canto de levantar muros; ofrecer solucións, no canto de crear novos problemas á xente; animar á concordia, no canto de sementar a crispación; ofrecer estabilidade e seguridade xurídica ao empresariado que promove investimentos no país, fronte a quen só promove atrancos... conforman un conxunto de actitudes que en Galicia temos interiorizadas e que explican, en boa medida, o noso modo de ser e de actuar", argumenta o tamén líder do PPdeG.

"Tamén algún dos nosos éxitos", continúa, nun artigo no que recalca que, tras máis de 40 anos de autonomía, Galicia demostrou "con feitos" que a democracia e a autonomía constitúen "unha fórmula de éxito para mellorar a calidade de vida das persoas e, con ela, estimular a creación de riqueza e incentivar o avance do país". En todo caso, Rueda remarca que sería "irresponsable" ignorar "ameazas" como "a crise de credibilidade das institucións provocada polos que supostamente tentaron utilizalas en beneficio propio". "Para delinquir, porque hai que chamar ás cousas polo seu nome", apostilou.

A pesar de que, defende, Galicia mantense "á marxe de comportamentos impropios", o presidente galego considera necesario "non baixar a garda, redobrando os esforzos para obrar con rectitud, reforzando os mecanismos de control e inculcando entre os máis novos o valor do esforzo e o respecto ás leis como norma de conduta".

"NON TODO VALE"

"Porque non todo vale. En ningures", sumou Rueda, quen salienta a estabilidade da comunidade para concluír que "unha Galicia aberta, próspera e plural é posible". "Unha Galicia aberta ao mundo, pero orgullosa dos nosos sinais de identidade. Unha Galicia que explote todos os seus recursos para transformalos en riqueza e emprego para a nosa xente. Unha Galicia plural, con oportunidades para todos. Esta é a Galicia que queremos, de todos e para todas. Feliz Día de Galicia e 'de hoxe nun ano"!", conclúe o presidente galego.

Rueda sae do seu despacho en San Caetano tras a entrevista con Europa Press
Rueda sae do seu despacho en San Caetano tras a entrevista con Europa Press | Fonte: ARXINA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta