Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2025 | Actualizada ás 12:00
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que exerceu como delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo Santiago, urxiu a "recuperar a integridade e o respecto á lei" nunha España "enfrascada na polarización extrema" e "manchada por prácticas impropias de persoas decentes".
No seu discurso na Catedral, Rueda pediu ao Apóstolo, "señor Santiago", "recuperar a credibilidade e a lexitimidade de organizacións e institucións" no país. Deste xeito lanzou a petición ao Apóstolo Santiago de "inspiración e acerto para todos os gobernantes" e as "persoas que se enfrontan á toma de decisións que repercuten na vida dos demais", ademais de apelar a construír unha Galicia "próspera".
A Catedral de Santiago, como é tradicional cada 25 de xullo, Día de Galicia, acolleu a Eucaristía para conmemorar ao Apóstolo Santiago, patrón de España, na que participaron autoridades civís e militares.
Nesta misa estiveron, entre outros, o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices Vieira; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro lranco; e o presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo. Previamente, na Praza do Obradoiro, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, participou no saúdo ás autoridades.
CONTRA A "TURISMOFOBIA"
O titular do Goberno galego lembrou que os peregrinos levan un milenio chegando a Santiago en "un fluxo incesante", segundo di, "cada vez máis intenso, é certo". No entanto, fixo unha chamada a "superar a tentación da turismofobia". "Pode e debe haber espazo para todos", asegurou. Remarca que a "Europa plural e tolerante" actual, "pioneira na defensa dos dereitos humanos", "é herdeira dos valores cristiáns".
"SUPERAR A CRISE DA VIVENDA" E "REGULAR CON ACERTO A INMIGRACIÓN"
A continuación, Rueda enumerou diferentes desexos ante os retos de futuro: "Ofrecer servizos públicos de calidade; cultivar a cultura do esforzo e do respecto; profundar na riqueza histórica, cultural e lingüística da que somos depositarios; superar a crise da vivenda; xestionar con éxito os desafíos derivados da irrupción da intelixencia artificial; desterrar para sempre a secuela da violencia, tamén e moi especialmente a violencia machista-; substituír o insulto polo diálogo e o respecto para quen pensa diferente".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.