Os partidos seguirán o reconto das xerais dende Santiago

A axenda dos candidatos nesta xornada de reflexión bascula entre o ocio, a familia e a lectura despois dunha intensa campaña. O domingo acudirán a capital do país para a noite electoral.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/06/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

As cinco principais opcións que teñen os galegos na cita coas urnas do próximo domingo, día 26, seguirán o escrutinio dende Santiago de Compostela, ben nas súas sedes ou ben en distintos establecementos que utilizarán para a ocasión, segundo os datos solicitados por Europa Press.

Un cidadán deposita o seu voto nas urnas durante as pasadas eleccións
Un cidadán deposita o seu voto nas urnas durante as pasadas eleccións

PP

Deste xeito, como xa fixeron nas últimas citas electorais, os populares galegos centralizarán na súa sede de San Lázaro o seguimento dos resultados. Alí reunirase o equipo máis próximo ao presidente autonómico, incluído o seu secretario xeral, Miguel Tellado, quen será o primeiro en saír a valorar os resultados de participación ante os medios.

Alberto Núñez Feijóo acudirá á sede despois de depositar o seu voto no CEIP García Barbón de Vigo na mañá do domingo e logo dunha xornada de reflexión que dedicará a recuperarse dunha campaña intensa na que percorreu numerosas localidades. A ministra de Fomento en funcións e número un do PP por Pontevedra, Ana Pastor, votará o domingo ás 12,00 horas no CEIP Campolongo da cidade do Lérez.

PSdeG

Tamén os socialistas preparan a súa sede para seguir o escrutinio e, así, o seu candidato á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, acudirá á Rúa do Pino unha vez pechen as urnas, onde tamén estará a presidenta da xestora do PSdeG e número un por A Coruña, Pilar Cancela, quen pasará o día de reflexión coa súa familia na capital galega.

O plan do candidato á Xunta para a fin de semana iníciase o sábado coa súa habitual compra na praza de abastos de Santiago para, se o tempo o permite, irse coa súa muller á praia. Ao día seguinte acudirá a votar ás 11,00 horas ao Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), na Praza do Obradoiro.

En Marea

De novo os antigos almacéns Olmedo da compostelana Praza do Toural será o lugar onde os socios de En Marea seguirán o escrutinio electoral, con presenza de destacados dirixentes a partir das 20,00 horas. Tamén espera que ao longo da noite cheguen os cabeza de lista das catro circunscricións, aínda que inicialmente estarán nos seus respectivos cuarteis xerais.

O día anterior, os candidatos aproveitarán para descansar despois de dúas semanas de actos por toda a xeografía galega, aínda que o número un por A Coruña, Antón Gómez-Reino, visitará unha exposición no Quiosco Alfonso de A Coruña e a número dous de Pontevedra, Ángela Rodríguez, irá á manifestación do Orgullo Gai na cidade do Lérez, así como a candidata ao Senado Vanessa Angustia.

O número un por Ourense, David Bruzos, pasará o sábado descansando e xogando coas súas dúas fillas nun parque infantil de Ourense, Miguel Anxo Fernán Vello (Lugo) dedicará tempo á lectura; e Alexandra Fernández (Pontevedra) e Yolanda Díaz (dous por A Coruña) aproveitarán para descansar fóra da atención mediática.

BNG

Pola súa banda, os nacionalistas elixiron a Nave de Vidán para a rutina habitual de comparecencias sobre a participación e os resultados. Alí estará a Executiva do BNG encabezada polo seu voceiro nacional, Ana Pontón, acompañando aos candidatos, ao igual que os militantes e simpatizantes que así deséxeno.

Previamente, Pontón acudirá a votar ao Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC), en Santiago. O sábado, que pasará con amigos e familia, Pontón e o número un por A Coruña, Carlos Callón, tomarán o vermú na zona vella de Compostela.

C's

Os simpatizantes de Cidadáns asistirán ao reconto electoral dende o NH Obradoiro, onde estará o número un ao Congreso pola provincia da Coruña, José Canedo.

Será, de feito, un dos candidatos máis madrugadores, xa que acudirá ao centro sociocultural do Ensanche a votar ás 10,00 horas tras dedicar a xornada de reflexión a estar coa súa familia, preferiblemente e se é posible, na praia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela