Un galego por debaixo dos 10.50

O coruñés Mauro Triana bate por dúas veces o récord galego absoluto de 100 metros lisos e convértese coa súa marca de 10.46, que lle dá o título de campión de España promesa, no primeiro galego na historia en baixar dos 10.50.

Por gcdeportes | A Coruña | 26/06/2016 | Actualizada ás 09:46

Comparte esta noticia

Dous récords galegos consecutivos e o primeiro atleta galego da historia en baixar dos 10.50 nos 100 metros lisos. O coruñés Mauro Triana proclamouse campión de España promesa en Toledo e estableceu o novo récord absoluto galego en 10.46, afianzándose de cheo na elite da velocidade estatal con tan só 20 anos.

O coruñés Mauro Triana, o primeiro atleta en baixar dos 10.50 nos 100 metros lisos.
O coruñés Mauro Triana, o primeiro atleta en baixar dos 10.50 nos 100 metros lisos. | Fonte: atletismogalego.com

Era cuestión de tempo, dada a extraordinaria progresión nas últimas tempadas do coruñés, que o levou este ano a internacionalidade e a participación coa selección española nos Xogos do Mediterráneo, onde colleitou unha medalla no relevo 4x100. Especialista de 200 metros lisos, onde ten coma mellor marca 21.14 efectuada este mesmo mes, progresou de xeito notable na proba dos 100 metros, ata o punto de que xa correra por debaixo dos 10.50, malia que con vento por riba do permitido (fixo 10.49 o 11 de xuño en Castellón cun vento de 3,2).

Houbo que agardar ata este campionato para, xa na primeira semifinal, ver a un Mauro Triana que, coñecedor do seu fantástico momento de forma, quixo correr rápido dende o principio. Marcou 10.50 gañando a súa serie e establecendo un novo récord absoluto galego, que ata entón estaba en posesión de Denis Galán con 10.54 dende o ano pasado en Ourense.

Por se fose pouco, hora e vinte minutos despois, volveu correr a final, na que non só acadaría o título de campión de España promesa, senón que ademáis marcou un crono de 10.46 (0,0), establecendo un novo récord galego absoluto e converténdose no primeiro atleta galego da historia en baixar da barreira dos 10.50.

Este domingo, Mauro Triana, que este ano fichou polo potente Playas de Castellón pero segue co seu adestrador da Coruña José Carlos Tuñas, tomará parte nos 200 metros, onde o histórico récord galego de Isidoro Hornillos (21.12) podería ter as horas contadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta