Eleccións Cataluña.- Rueda felicita a Illa pola vitoria, pero destaca a suba do PP fronte ao "freo importante" ao independentismo

Besteiro ve na vitoria de Illa "o fin da fábrica de producir independentistas" do PP. Distintos dirixentes galegos valoran xa o resultado dos comicións cataláns que deron a vitoria ao socialista Salvador Illa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2024 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, felicitou ao socialista Salvador Illa pola súa vitoria nas eleccións cataláns, das que destacou o "magnífico resultado" do PP e nas que aprecia "un freo importante" ao independetismo do que pide a Pedro Sánchez e o PSOE que "tome nota". Así se pronunciou a preguntas dos xornalistas durante a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns, onde o líder dos populares galegos trasladou as súas felicitacións ao PP catalán e ao seu candidato, Alejandro Fernández, así como ao líder nacional do partido, Alberto Núñez Feijóo, polos 15 deputados obtidos, 12 máis que nos anteriores comicios.

Para Rueda, trátase dun "magnífico resultado" se se ten en conta de "onde vén" o PP en Cataluña, algo que o presidente galego encadrou na tendencia que, ao seu xuízo, mantén o partido desde a chegada de Feijóo ao liderado en Xénova, pois "en todas" as eleccións o partido "mellora os seus resultados". Nesta liña, o mandatario autonómico subliñou que os resultados nas catalás evidencian "unha vez máis" o "díficil" que é lograr unha maioría absoluta como a lograda polo PP galego o pasado mes de febreiro, polo que quixo aproveitar para "agradecer a confianza" que recibiron dos galegos fai tres meses nas urnas.

Para Rueda, "o segredo" está en ofrecer "estabilidade" para "poder facer moitas políticas" pois "a inestabilidade é todo o contrario", o que o levou a afirmar que, aínda que o PSOE é "o claro gañador das eleccións", a candidatura de Illa non logra "subir todo o que baixan os seus socios", mentres que o PP "sobe máis" do que supón a desaparición de Ciudadanos. Por tanto, cre que o escenario que queda en Cataluña tras o domingo "non garante, nin moito menos, a estabilidade política" na comunidade, polo que vaticinou que quedan "moitos capítulos" por diante que, no curto prazo, estarán "condicionados" polas eleccións europeas do próximo 9 de xuño.

PSDEG: BESTEIRO FELICITA A ILLA

O número uno do PSdeG por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta; o secretario xeral do PSC, Salvador Illa; e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto sectorial de sanidade en Ourense. PSDEG
O número uno do PSdeG por Ourense, Carmen Rodríguez Dacosta; o secretario xeral do PSC, Salvador Illa; e o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, nun acto sectorial de sanidade en Ourense. PSDEG | Fonte: Europa Press

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, mostrou a súa satisfacción pola vitoria do PSC de Salvador Illa nas eleccións catalás do pasado domingo, que, ao seu xuízo, supoñen o "punto final" ao 'procés' e un "referendo" á aposta pola política do "diálogo" e a "concordia" do goberno presidido por Pedro Sánchez.

Así se pronunciou este luns en rolda de prensa sobre os comicios en Cataluña nos que os socialistas se impuxeron nas urnas e o bloque independentista non alcanzou a maioría, o que, para Besteiro, constata "o fin a unha dinámica histórica" que considera que alimentaron os anos no Goberno central do PP.

Para o líder dos socialistas galegos, as eleccións catalás constatan que a presenza do PP na Moncloa supón "unha fábrica de producir independentistas en Cataluña", algo que contrapuxo á aposta de Sánchez por "levar a paz, a tranquilidade, a concordia e o diálogo a Catuluña". Por tanto, cualificou de "noticia moi boa" a caída do apoio ao independentismo que, segundo Besteiro, "confirma o éxito da política dos socialistas para resolver o conflito catalán".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta