Activos tres incendios en Ponteceso que alcanzan xa as 350 hectáreas calcinadas

O lume rexistrado en Cospindo iniciouse ás 16.12 horas deste sábado e afecta a unha superficie de 150 hectáreas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/08/2025 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

Tres incendios forestais atópanse activos no concello coruñés de Ponteceso e calcinaron xa 350 hectáreas, concretamente nas parroquias de Cospindo, Brantuas e A Graña.

Varios bombeiros traballan para extinguir o lume na zona de Fonte de Faro de Brantuas, en Ponteceso. Gustavo da Paz - Europa Press
Varios bombeiros traballan para extinguir o lume na zona de Fonte de Faro de Brantuas, en Ponteceso. Gustavo da Paz - Europa Press | Fonte: Europa Press

En concreto, a Consellería do Medio Rural explicou que o lume rexistrado en Cospindo iniciouse ás 16.12 horas deste sábado e afecta a unha superficie de 200 hectáreas. Ata alí mobilizáronse dez axentes, un técnico, 12 brigadas, oito motobombas, tres pas, tres unidades técnicas de apoio, catro helicópteros e un avión. Cabe lembrar que o propio alcalde da localidade, José Manuel Mato, confirmou a Europa Press que o lume rexistrado nesta parroquia obrigou a desaloxar aos veciños da aldea de Balarés, xunto á praia.

Doutra banda, asegurou que na aldea do Couto atópanse traballando escavadoras da Xunta para tentar crear unha devasa e que o lume non pase a unha zona próxima onde hai casas. Ademais, cortouse o acceso por estrada a Balarés, "así como o acceso desde Brantuas, do cruzamento que vai a Brantuas dirección Malpica ata Ponteceso". Pola súa banda, a Garda Civil informou do corte das estradas DP6801 entre os puntos quilométricos 4-5, e da AC424 entre os puntos quilométricos 2-3.5, para "facilitar os labores de extinción".

Doutra banda, o incendio de Brantuas afecta a unha superficie de 100 hectáreas e iniciouse ás 20.30 horas, polo momento mobilizáronse tres técnicos, nove axentes, sete brigadas, cinco motobombas, dúas pas, dúas unidades técnicas de apoio, dous helicópteros e catro avións.

Finalmente, o incendio activo na parroquia da Graña, afecta a unha superficie de 50 hectáreas e comezou ás 00.30 horas deste domingo. Para a súa extinción mobilizouse a cinco axentes, sete brigadas, oito motobombas e catro helicópteros

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta