Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/08/2025 | Actualizada ás 16:23
O BNG de Amoeiro solicitou a "dimisión inmediata" da tenente de alcalde de Amoeiro e deputada provincial, Susana Rodríguez (PSdeG), por permitir o lanzamento de fogos artificiais durante a voda da súa filla este pasado domingo en plena vaga de incendios na provincia. Así o trasladou o seu responsable local, Marcos Blanco, este luns nun comunicado, e sinalou que os feitos constitúen unha "gran irresponsabilidade" así como unha "falta de respecto á cidadanía".
"Non podemos permitir que representantes públicos minimicen comportamentos perigosos e inadmisibles nun momento no que tantas persoas están a sufrir as consecuencias dramáticas dos incendios", engadiu. Lamentaron, ademais, que a tenente de alcalde "perdeu toda lexitimidade para continuar representando á vecinanza".
O PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN "CONDENA" TAMÉN OS FEITOS
Tamén o presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, sinalou que se trata dun acontecemento "absolutamente condenable" e unha "irresponsabilidade". Ante a solicitude de dimisión por parte do BNG, Menor afirma que "cada un debe tomar as decisións que lle corresponden conforme ao que fixo e en función das responsabilidades que lle corresponden".
Afirma que se trata dunha "conduta de risco" nun momento no que "non se poden levar medios aéreos e a dificultade de extinción é moito maior". "Eu seguro que non o fixo, pero se pasase isto seguramente asumiría as responsabilidades que tocan", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.