Temas: BNG ELECCIóNS

O BNG culpa a Podemos e ao PSdeG da vitoria do PP no 26X

Os nacionalistas admiten que os seus resultados son “malos”, pero anuncia que xa traballan coa vista nas eleccións autonómicas para ser a “chave” na derrota dos populares e abre a porta a pactos con forzas nacionalistas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/06/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A executiva nacional do BNG cualifica de “malos” os resultados electorais que considera “moi insatisfactorios” pero critica que o 26X se converteu “nunha carreira presidencialista cun menú a catro no que Galiza estivo desaparecida pese ao seu esforzo por galeguizar a campaña”. Por iso, responsabilizou a Podemos e ao PSdeG da vitoria do PP.

Ana Pontón e Goretti Sanmartín en rolda de prensa na sede do BNG
Ana Pontón e Goretti Sanmartín en rolda de prensa na sede do BNG

Nunha xuntanza mantida este luns para analizar os resultados, o BNG cualificou de “digna” a súa campaña e considera que o proxecto nacionalista “é máis necesario ca nunca e é preciso consolidar e conseguir que se amplíe”. Por iso, anunciou xa que se puxo a traballar con vista nas eleccións autonómicas co obxectivo de “ser clave” para derrotar ao PP e desaloxar a Feijóo da Xunta.

“Esa é a nosa liña inmediata de traballo coa cabeza posta nas próximas eleccións galegas, que é o que nos ocupa desde este mesmo momento ”, subliñou Goretti Sanmartín que chamou a traballar desde a unidade no proxecto nacionalista que representa o Bloque. “A todas as persoas que sintan Galiza e queiran traballar con nós, coas mans abertas para traballar pola derrota desas políticas da dereita”, dixo.

Sanmartín reiterou que o BNG ten disposición a dialogar “absolutamente con todo o mundo que aposte por afianzar un espazo político construído con forzas que teñan o seu centro de decisión en Galiza”, como se acordou pola militancia na asemblea nacional. Tras o 26X a dereita sae reforzada “e iso é un elemento de gran preocupación que consideramos debería ser un factor de reflexión para o conxunto das forzas que nos situamos na esquerda e no nacionalismo”, indicou.

“O noso empeño é traballar para as eleccións galegas a partir deste momento para conseguir un cambio real no noso país, e nese camiño estamos dispostos a dialogar con todas as forzas e persoas que queiran consolidar un espazo nacionalista”, concluíu.

Importante baixada

O BNG perdeu máis dun terzo dos seus votos nas eleccións deste domingo fronte aos comicios do 20 de decembro -- por entón concorreu como Nós Candidatura Galega e non coas súas siglas --, cun descenso duns 26.000 sufraxios, ao baixar dende 70.863 a preto de 44.900.

De tal forma, dende a súa asemblea fundacional de 1982 en Riazor (A Coruña), tan só nunha ocasión o Bloque recibiu menos apoios, foi nas eleccións xerais 1986, cando obtivo pouco máis de 27.000.

Así mesmo, o peso do BNG cae dende o 4,32% que acadou nas eleccións de decembro do total de papeletas en Galicia ao 2,89 deste domingo, 1,5 puntos menos.

Temas: BNG ELECCIóNS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 24 comentarios

5 Serio

Un proxecto nacional galego non se fai para 'derrotar a políticas da dereita'. Faise porque é o único programa que pode dar saída a que o noso país sobreviva. E non hai máis. Impórtame moi pouco quen goberne en Cortes madrileñas: postfranquistas, neoperonistas, desorientados ou os monicreques da banca, só estamos aí para poder negociar un pouco que as consecuencias das súas políticas esmaguen ó país antes ou dp. Dado que Anova foi expulsa e derrotada no enxendro ese de en marea e non srerve para negociar, estaba a carta do bloque. O bloque mala campaña non fixo pero xa é tempo de cuestionar á dirección: quén é máis importante, Gz ou o partido?

4 O enterrador de Castroforte

A estes hai que botalos fóra do Parlamento. Panda de burócratas sen oficio nen beneficio. Parásitos...

3 unha

que raro...o BNG botándolle a culpa ao cha cha cha...

2 Luís López Losada

Moi orgulloso do votar ao BNG, por dignidade e coherencia. Contra o dano que fan outros a Galiza, pola defensa dos nosos sectores produtivos, pola PAZ (non á OTAN), por outro modelo económico europeu (non á Troika), pola República (non á bandeira rojigualda)....

1 Galicia

Estou moi orgulloso de ser galego e de formar parte dun pobo que erradica democraticamente a unha formación tan daniña como o BNG