Reaccións incendios- Aagesen defende analizar "desde o rigor técnico" a "virulencia" dos incendios

Aagesen defende analizar "desde o rigor técnico" a "virulencia" dos incendios

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/08/2025 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este mércores o pasteiro do Monte da Grifa - Monte Veciñal en man común de Xesta, situado no concello pontevedrés da Lama. Alí, reivindicou a importancia dos pasteiros para mellorar a actividade gandeira e como barreira natural contra os incendios forestais.

Así mesmo, destacou que este tipo de actuacións implican unha "mellora significativa" para a actividade gandeira da zona e para a posta en valor do medio rural. Segundo sinalan nun comunicado, este pasteiro abarca unha superficie de 34 hectáreas, e contou cun orzamento de algo máis de 228.700 euros.

María José Gómez explicou que, a través deste investimento, puideron levar a cabo todos os labores necesarios para a súa posta en marcha, como poden ser os traballos de roza mecanizada, a sementeira ou a instalación de peches, entre outros.

Esta actuación forma parte do Plan de Pastos de Galicia, a través do cal desde o ano 2020 mobilizaron máis de 1.930 hectáreas en 80 pasteiros, cun investimento que rolda os 10,5 millóns de euros. A esta cifra, fai falta engadirlle as 519 hectáreas que se están mobilizando neste 2025, en 26 novos pasteiros, cun orzamento adicional de 4 millóns de euros.

A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, visita un pasteiro na Lama (Pontevedra). XUNTA DE GALICIA
A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, visita un pasteiro na Lama (Pontevedra). XUNTA DE GALICIA

ANALIZAR RIGUROSAMENTE A VIRULENCIA DOS INCENDIOS

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Sara Aagesen, destacou a necesidade de realizar unha “reflexión rigorosa” sobre as causas e consecuencias da virulencia dos incendios que afectaron España, apuntando que só unha análise técnica permitirá deseñar políticas públicas efectivas para anticiparse, adaptarse e protexer o medio ambiente. Durante a súa comparecencia no Senado, a ministra salientou que, a pesar do descenso das temperaturas e da humidade que axudou á extinción, a situación segue sendo “preocupante” con trece incendios en situación 2.

Aagesen reivindicou tamén a importancia de transformar a política climática en política de Estado, propondo un pacto nacional que permita non só responder ás emerxencias inmediatas senón tamén preparar ao país fronte aos retos futuros. Subliñou o papel fundamental da ciencia, a observación e a predición meteorolóxica como alicerces para mellorar a resposta ante desastres e para a planificación de medidas preventivas.

UNIÓNS AGRARIAS PIDEN AMPLIAR ALCANCE DAS AXUDAS

Veciños ven o avance do lume na Pobra de Brollón
Veciños ven o avance do lume na Pobra de Brollón | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Representantes de Unións Agrarias (UU.AA.) informou de que mantivo unha reunión coa Consellería do Medio Rural para abordar as prioridades e propostas técnicas destinadas a ampliar o alcance das axudas aos produtores afectados pola vaga de incendios.

Trasladan desde a UU.AA. que alcanzou un acordo para que chegue, nos próximos días, alimentación para o gando: 32 tráileres de alimento e cobertura da Xunta dos custos de recollida da herba, ademais da loxística de transporte. Tamén se solicitou desde o sindicato que a Consellería publique de oficio a exención da prohibición automática de pastoreo nas zonas afectadas polos incendios.

Ademais, o sindicato reclamou o abastecemento continuo das canalizacións de auga e suministración para o gando, coa garantía de cisternas e auga embotellada cando sexa preciso.

Respecto da produción de viños, UU.AA. trasladou que estará "vixiante" para que adegas garantan a recollida da uva a un prezo que lles permita cubrir os custos de produción. O que se pretende impedir o sindicato é que "é que os viticultores sufran en dobre as consecuencias dos incendios".

RUEDA ANUNCIA OFICINAS PARA ATENDER AOS AFECTADOS 

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, participou na finalización da primeira fase das obras de mellora da LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, cun investimento de case 3,8 millóns. Durante o acto, anunciou tamén a apertura de 16 oficinas en Galicia para prestar atención directa aos afectados polos incendios forestais, co obxectivo de axilizar a tramitación das axudas e ofrecer información inmediata sobre a situación. Dez destas oficinas estarán na provincia de Ourense, acompañando ás localidades de Lugo, Pontevedra e A Coruña.

Rueda destacou que as melloras viarias inclúen a ampliación da plataforma da estrada, a rectificación de curvas perigosas e a instalación de novas cunetas, e anunciou que xa se traballa na seguinte fase do proxecto. Ademais, reiterou o seu chamamento contra os incendiarios e lembrou que a Xunta colaborará plenamente coas forzas de seguridade e co sistema xudicial para levar aos responsables fronte á xustiza. O presidente subliñou que cada investimento no rural é tamén un investimento “no futuro de Galicia”, garantindo conexións e oportunidades para todos os veciños, vivan onde vivan.

PLENO EXTRAORDINARIO TENSO EN OURENSE

A Deputación de Ourense celebrou este mércores un pleno extraordinario marcado polo debate sobre a vaga de incendios que devastou a provincia, co acordo de convocar unha mesa de traballo conxunta para propoñer medidas urxentes. A iniciativa, presentada polo BNG, busca respostas inmediatas antes de outubro. O presidente da Deputación, Luís Menor (PP), aceptou a proposta, salientando que “a emerxencia non entende de polémica, senón de solucións”.

No debate, o PSdeG denunciou unha “ineficacia sistemática” na loita contra o lume, con políticas centradas na extinción e non na prevención. Os socialistas advertiron de que o 55% dos incendios galegos rexístranse en Ourense e reclamaron medidas estruturais. O BNG coincidiu en reclamar cambios lexislativos, unha mellor ordenación do territorio e control da biomasa, mentres o PP apostou por unha silvicultura sustentable e pola reinversión dos beneficios do monte.

A sesión tamén estivo marcada pola confrontación política entre populares e oposición. O PP acusou o Goberno central de non actuar con rapidez nin enviar os medios necesarios, mentres que nacionalistas e socialistas criticaron a falta de planificación da Xunta e a improvisación na xestión dos efectivos de extinción. Todos coincidiron, en todo caso, na necesidade de reforzar a prevención, ampliar franxas de protección en vivendas e manter brigadas forestais operativas todo o ano.

Ademais dos incendios, o pleno abordou outros asuntos, como a toma de posesión de dous novos deputados socialistas, o inicio dun expediente expropiatorio para unha residencia de maiores en Castrelo de Miño e a aprobación dunha modificación de crédito para convocar axudas á adquisición de libros.

O GOBERNO AXILIZA AS AXUDAS

O Goberno activou este martes o procedemento para axilizar as axudas aos damnificados polos incendios que arrasaron España durante os meses de verán. O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, confirmou que os ministerios competentes xa traballan para facer efectivas as compensacións, logo de que o Consello de Ministros declarase como zonas gravemente afectadas por emerxencias de protección civil os territorios que sufriron lumes e outras catástrofes. O acordo habilita axudas directas por danos persoais, materiais, en vivendas e infraestruturas, así como medidas fiscais, laborais e de Seguridade Social.

Desde finais de xuño rexistráronse 121 emerxencias en todo o Estado, 114 delas incendios forestais que afectaron a comunidades como Galicia, Asturias, Castela e León ou Estremadura, e que deixaron oito falecidos, feridos e importantes perdas materiais. Ademais de compensacións económicas, as medidas inclúen exencións de taxas da DXT, axudas á produción agrícola e gandeira e subvencións ás corporacións locais. O Executivo subliña que estas actuacións responden ao principio de solidariedade interterritorial e complementan o traballo das administracións autonómicas e municipais.

RUEDA RECLAMA MÁIS DILIXENCIA COA UME

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, replicou á ministra de Defensa, Margarita Robles, que as peticións de medios para incendios fixéronas os técnicos do CECOP de Ourense e pediu "máis dilixencia" se hai outra crise.

Preguntado polos medios de comunicación este mércores, Rueda respondeu a Robles, quen recriminou este martes ás comunidades autónomas do PP falta de prevención ante os incendios e atrasos en pedir medios para combatelos.

Ante isto, o mandatario autonómico reprochou as "reticencias" a mobilizar o exército que "houbo nos primeiros días". "Sigo sen entendelas e espero que non se repita outra necesidade como a que tivemos estes días anteriores", sinalou.

Nesta liña, Rueda apuntou que unha petición "moi razoable" que fixeron foi atendida "só nunha parte". Concretamente, explicou que pediron dous helicópteros de coordinación e só chegou un tres días despois; pediron 20 bulldozers, e entregáronlles tres; e que pediron motobombas cos seus condutores, e non as recibiron.

"Por tanto fixemos unha petición razoable e nunha parte importante non foi atendida", salientou, asegurando que non quere empezar con discusións, pero "se outros as empezan", ten que contestar.

Así mesmo, asegurou que se pediu exactamente aquilo que se "cría que se necesitaba cando se necesitaba" e proporcionaron unha relación oficial. Con todo, finalizou remarcando que espera que non se repita outra necesidade, pero de suceder, pide que haxa "máis dilixencia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta