Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2025 | Actualizada ás 20:18
A Consellería de Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de cinco exemplares de aves silvestres afectadas por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) -- gripe aviaria --, resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
Trátase de catro gaivotas patiamarillas atopadas en Arteixo, Abegondo e Miño, e en Foz, e unha gaivota sombría atopada en Bueu, que xa foron trasladadas aos Centros de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, Carballedo-Cotobade e O Veral.
As aves foron recollidas para proceder á análise laboratorial, eliminándose os cadáveres conforme á normativa en vigor.
Nun comunicado destacan que estes casos son os primeiros confirmados na nosa comunidade autónoma en 2025 e, ao tratarse de aves silvestres, non supoñen restricións adicionais ás que estaban en vigor.
E é que actualmente en Galicia non hai medidas especiais de restrición, excepto algunhas medidas de prevención sanitaria aplicables aos concellos que pertencen ás denominadas Zonas de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa na provincia de Pontevedra; Cerceda, Ordes e Tordoia na provincia da Coruña; e Xove na de Lugo), medidas relacionadas fundamentalmente coas condicións de cría de aves ao aire libre e a celebración de concentracións de aves.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.