"Non é máis que propaganda", críticas á declaración de Lugar de Memoria Democrática para o Pazo de Meirás

O Estado celebra este martes un acto para anunciar o inicio do expediente.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2025 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

Entidades sociais, memorialistas e culturais reclamaron que o Pazo de Meirás, en Sada (A Coruña), sexa declarado Lugar de Memoria Democrática con "garantías, legalidade e transparencia e non con meros actos propagandísticos". Fano tras comunicar o Goberno central que este martes, día 2, anunciará o inicio do expediente para esta distinción. Así, convocaron unha mobilización en sinal de protesta nesa localización ás 11.30 horas, pouco antes do inicio do acto institucional.

"Non é máis que propaganda, un intento de disfrazar como resolución o que en realidade é só un inicio de procedemento, sen compromisos reais nin garantías para a preservación da memoria", recalcou o presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), Carlos Babío.

Foi nunha rolda de prensa para denunciar "o caso absolutamente esperpéntico" do Pazo de Meirás e reivindicar "a loita social por recuperalo para uso e goce do pobo galego" tras lamentar que "leva máis de tres anos pechado". "O que pretende o Estado é que vaiamos de palmeiros e lles deamos un cheque en branco", dixo respecto da invitación recibida pola entidade para acudir á devandita cita.

Respecto ao procedemento de declaración de Lugar de Memoria Democrática, explicou que precisa dunha incoación formal, publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), definición do réxime de protección e medidas provisorias."A día de hoxe non está no BOE", asegurou. Neste sentido, Babío argumentou que 26 entidades da Iniciativa Galega pola Memoria fixeron a solicitude formal desta distinción o 15 de xullo de 2024 tras a cal o Estado tiña 12 meses para incoar o procedemento. "Deixouno caducar sen acceder ás nosas peticións", indicou.

RECLAMACIÓNS

Así mesmo, estes colectivos reclaman un plan de usos públicos "claros, centrados na verdade histórica, na reparación das vítimas e na divulgación do espolio franquista". "O Pazo de Meirás ten que ser do pobo galego", insistiu para recalcar que "a súa titularidade, xestión e usos deben ser transferidos á Xunta".

Ademais, demandan a recuperación doutras propiedades "espoliadas pola famila Franco" como a Casa das Cunchas, en Sada, e a Casa Cornide, na Coruña, así como "medidas firmes contra a impunidade histórica". "En Meirás, o Franco fixeron caixa con memoria que hoxe é irrecuperable pero queda patrimonio por recuperar", dixo. "Esiximos menos propaganda e máis memoria, verdade, xustiza e reparación", apostilou.

O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado
O pazo de Meirás o día da súa devolución ao Estado | Fonte: M.Dylan - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non comprendo nada: din co Pazo de Meirás "leva máis de tres anos pechado", non lembro exactamente a data pero eu visitei ese lugar coido que hai 2 anos, e a visita guiada e de balde corría a cargo dun funcionario do Concello de SADA ? Escoitei que este verán a penas existían prazas para visitar o Pazo, pero non tiña noticia de que un BIC estivese pechado ? Ou non comprendo o que se dí ou algo falla nesta noticia ?