Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/09/2025 | Actualizada ás 15:55
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo este luns que a xestión da conselleira de Medio Rural, María José Gómez, durante a vaga de incendios "foi a adecuada, en liñas xerais". Así respondeu o mandatario autonómico ao ser preguntado, na comparecencia posterior á primeira reunión ordinaria do Goberno galego do novo curso político, sobre se se expón cesar á conselleira.
Rueda recoñeceu que hai "marxe de mellora" na actuación da Administración autonómica ante os incendios. "Non vou dicir que todo se fixo de modo impecable, nin moito menos. Nunha situación como a que vivimos, non todo se puido facer ben, aínda que se tentou facer o mellor posible, por suposto", proseguiu.
Xa concretamente sobre María José Gómez, o presidente destacou que nas últimas semanas viviu con ela "moitas horas, moitos días a pé do lume, nos centros de coordinación", ao que engadiu que a súa actuación "foi a adecuada, en liñas xerais".
Ademais, Alfonso Rueda rexeitou as comparacións da xestión desta vaga de incendios coa de 2006, cando gobernaba o bipartito de PSdeG e BNG. Entón, o PPdeG solicitou, desde a oposición, o cesamento do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.
O actual presidente da Xunta, que entón era 'número dous' do PP galego con Alberto Núñez Feijóo á fronte, explicou que en 2006 "houbo moitas cousas mal feitas", á marxe da cantidade de hectáreas queimadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.