Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/09/2025 | Actualizada ás 14:22
A portavoz de infancia do BNG, Ariadna Fernández, criticou que a Xunta pretenda crear "ghetos" para os menores non acompañados tras coñecerse este xoves que o Goberno galego buscaba para eles novas localizacións para a súa acollida, "creando recursos e centros específicos para a súa atención". A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciaba este xoves que a Xunta de Galicia xa busca localizacións para acoller aos menores migrantes que o Goberno vai trasladar a Galicia.
Matizaba que o Executivo autonómico tivo que modificar o seu sistema de protección da infancia para crear recursos e centros específicos para a atención dos menores migrantes. Pola súa banda, a deputada nacionalista acusou ao PP de usar o sufrimento dos menores "como arma de confrontación política partidista". "É indecente e inhumano que a Xunta fale de 'ghetos' ou 'tragas' referíndose á chegada destes nenos", lamentou. Ademais, advertiu que é responsabilidade da Xunta ofrecer atención e coidado con todas as garantías a estes nenos e nenas "que veñen de situacións de miseria, escapando de conflitos bélicos, de situacións de abusos terribles e necesitan axuda".
"En lugar de actuar con responsabilidade e solidariedade, o Goberno galego continúa defendendo os seus intereses partidistas, baixo o ditame do seu líder Feijóo, sen importarlle o futuro dos nenos e adolescentes que nestes momentos necesitan axuda e que chegan escapando da miseria, os conflitos bélicos, os abusos e o deixamento", defendeu, acusando aos populares de querer sacar "rédito político". Así mesmo, recalcou que "saben desde hai meses da chegada destes menores" e, "no canto de achegar recursos de protección, a consellería non fixo máis que tirar balóns fóra". Ademais, lembrou que o sistema de acollida leva moito tempo sobresaturado e infradotado.
PSDEG
Pola súa banda, o PSdeG acusou á Xunta e ao PP galego de negar a acollida a menores migrantes por "posturas racistas" ou "xenófobas" e de conivencia cos partidos de extrema dereita. Silvia Longueira lembrou que o PP se retirou das mesas de diálogo sobre esta cuestión, non visitou centros de menores en Canarias e votou en contra da reforma do artigo 35 da Lei de Estranxeiría, que garantiría protección legal para estes nenos. A parlamentaria socialista sinalou que Galicia acollerá un máximo de 244 menores entre 2025 e 2026, por baixo dos 317 que indica a Xunta, e destacou que a capacidade ordinaria do sistema supera as 800 prazas.
Longueira subliñou que os argumentos económicos non se sosteñen, xa que o Estado garante financiamento suficiente, e denunciou que a estratexia do PP atrasou a chegada destes fondos, bloqueando recursos para os nenos que necesitan axuda. Longueira explicou que traballan coordinadamente co secretario de Estado de Infancia e Mocidade, Rubén Pérez, e que os menores contarán con escolarización, atención sanitaria e apoio psicolóxico. Subliñou que non son unha ameaza, senón nenos que merecen un futuro, e acusou ao PP de negarlles a súa humanidade pola súa alianza coa extrema dereita.
Pola súa banda, o PPdeG respondeu que as críticas socialistas "bordean o ridículo". Alberto Pazos insistiu en que o PP busca garantir a mellor atención aos menores, pedindo información e colaboración para que a repartición se realice de forma equilibrada e sen que ningunha comunidade quede á marxe por intereses políticos.
NOVOS EXPEDIENTES
Este xoves Fabiola García explicaba que xa recibiron tres novos expedientes de adolescentes que forman parte do grupo de 317 que o Goberno quere trasladar á comunidade. Sumados aos dous remitidos o xoves, xa son cinco os menores dos que a Xunta ten constancia. A esta cifra súmase o grupo de 15 menores estranxeiros solicitantes de asilo que o Goberno debe acoller por orde do Tribunal Supremo e que tamén vai trasladar a Galicia. Para a conselleira, o Executivo central rompe así "definitivamente" o sistema de protección "integrador", "aceno de identidade de Galicia" e obriga á Xunta a saírse do modelo que leva anos impulsando e que definiu como "un dos máis inclusivos de España, no que todos os menores conviven nos recursos da Xunta sen facer distincións pola súa procedencia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.