Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2025 | Actualizada ás 20:28
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou unha nova edición do 'Outono Gastronómico' que este ano alcanza a 19ª entrega dunha proposta que pretende "dinamizar o turismo rural combinado a gastronomía coa oferta de casas rurais en meses fóra de tempada alta". Este ano, concretamente, animou a que os usuarios opten sobre todo por establecementos das zonas do rural galego que resultaron afectadas pola vaga de incendios deste verán.
Xosé Merelles visitou Retiro do Conde, en Monterrei, un dos establecementos participantes no programa. Nesta edición participan 78 establecementos de toda Galicia, dos cales 21 están na provincia da Coruña; 22 en Lugo; 16 en Ourense; e 19 en Pontevedra e de todos eles, 11 en concellos afectados polos incendios este verán, o que supón o 14 % do total. Neste sentido, Xosé Merelles expresou o seu desexo de que o público en xeral se solidarice coas zonas afectadas polo lume este verán e opten por establecementos situados nestes concellos.
"É unha boa fórmula para axudar a recuperar a actividade económica nesta contorna, á vez que permite coñecer tamén a oferta global de turismo rural da comunidade", defendeu. O director de Turismo de Galicia destacou o éxito da iniciativa que ao longo das 18 edicións anteriores logrou xerar no sector 6,6 millóns de euros grazas á participación de máis de 100.000 persoas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.