O persoal sanitario galego mobilízase contra a “lei incompleta” de Sanidade

Os sindicatos reclaman un estatuto que mellore condicións laborais, permita a xubilación anticipada e garanta unha atención pública de calidade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/09/2025 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Traballadores do Sistema Nacional de Saúde (SNS) concentráronse este luns diante dos centros sanitarios galegos para reclamar ao Ministerio de Sanidade que non peche de maneira unilateral a negociación da lei que regula as súas condicións laborais. Os profesionais, convocados polos principais sindicatos do sector (SATSE -FSES, FSS-CCOO, UXT, CSIF e CIG-Saúde), demandan un estatuto que permita avanzar en dereitos e repercuta tamén nun mellor servizo para os pacientes.

Traballadores da sanidade reclaman un estatuto marco que poña en valor a profesionais e pacientes. SINDICATOS
Traballadores da sanidade reclaman un estatuto marco que poña en valor a profesionais e pacientes. SINDICATOS | Fonte: Europa Press

As organizacións sindicais denunciaron que o proxecto elaborado polo Ministerio de Sanidade é unha lei “incompleta, parcial e interesada” que non dá resposta ás necesidades do conxunto do persoal estatutario. Critican ademais que o departamento dirixido por Mónica García rompeu o calendario de reunións previamente pactado e agora pretende levar o texto ao Congreso “pola porta de atrás” e con fins de oportunidade política.

Entre as melloras que reclaman, destacan o recoñecemento retributivo acorde ao novo modelo de clasificación profesional, a posibilidade de acceder á xubilación voluntaria —anticipada ou parcial—, a implantación da xornada laboral de 35 horas en todas as comunidades e o recoñecemento do solape de xornada. Lembran que estes cambios poden recollerse na norma e aplicarse posteriormente co apoio doutros ministerios e modificacións lexislativas necesarias.

As mobilizacións celebradas en toda España, excepto en Murcia —que se sumará o 17 de setembro—, marcan o inicio dunha nova fase de protestas. Os sindicatos advirten que continuarán coa presión e anuncian unha nova concentración o 1 de outubro fronte á sede do Ministerio de Sanidade, reiterando a súa disposición a seguir negociando para conseguir unha “lei á altura” que garanta unha sanidade pública de calidade.

GÓMEZ CAAMAÑO 

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mostrou o seu respecto a todas as concentracións de profesionais sanitarios -- en referencia ás concentracións sanitarias pola o novo estatuto marco --, pero si apuntou que o tema do estatuto é "un melón que abriu o Ministerio de Sanidade, que é quen o ten que pechar".

Así se expresou o responsable autonómico en declaracións aos medios tras participar na presentación da campaña universitaria de doazón para este curso.

Segundo apuntou, a Consellería xa deu a súa opinión sobre o estatuto. "Un estatuto que non ten memoria técnica, que non ten memoria económica e que invade competencias, é un estatuto discutible", sinalou.

Respecto da posibilidade dunha negociación propia para os médicos galegos, o conselleiro sinalou que o seu departamento "sempre está aberto a todo o mundo". "Temos que ver cales son as súas reivindicacións e ver como podemos abordalas", indicou, aínda que matizou que a existencia dun convenio específico "é un tema máis xurídico que político".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta