Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2025 | Actualizada ás 14:22
A Xunta, a Universidade de Santiago (USC) e o Parlamento de Galicia presentaron catro cátedras institucionais que levan por nome a Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, Castelao e Carvalho Calero e que permitirán realizar un estudo "sosegado" sobre estas figuras e "profundar no seu legado". Nun acto celebrado este xoves, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou que nun panorama internacional que xera "certa preocupación" é "necesario recorrer a aquelas figuras que construíron un proxecto baseado no humanismo" e que crían fundamentalmente en "a presenza do ser humano no centro das políticas".
Por iso, remarcou que estas cátedras permitirán realizar unha reflexión sobre estas grandes figuras da cultura galega e atopar uns espazos de "acougo, tranquilidade e análise". Nesta liña, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, expresou o "compromiso" da institución coa cultura, as universidades e a lingua galega, e lembrou que é o único Parlamento de España no que todos os deputados falan na lingua cooficial.
Así mesmo, sinalou que todos os autores das cátedras teñen un espazo de representación no órgano, xa que Rosalía ten a súa sala, Castelao está presente na sala onde se celebra a mesa, Otero Pedrayo é o nome dunha das salas das comisións, e custodian o legado de Carballo Calero. Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, trasladou que a visión de Castelao era que a Universidade de Santiago fose "o cerebro de Galicia, e esparcira cultura e saber máis aló dos límites naturais do territorio". "A ver se entre todo o que facemos, máis estas cátedras e a colaboración institucional somos parte da realidade e visión que Castelao nos deixa", concluíu.
"QUE 2026 SEXA ANO OTERO PEDRAYO"
Durante a súa intervención, o titular de Cultura remarcou que a declaración deste ano como ano Castelao permitiu darlle ao intelectual un "maior recoñecemento", ademais da posibilidade de profundar máis na súa obra, traxectoria persoal e política. Neste sentido, dado que en 2026 se cumpren 50 anos do falecemento de Otero Pedrayo e 100 anos da publicación da súa guía, López Campos propuxo ao Parlamento e á USC, que o ano 2026 sexa declarado ano Otero Pedrayo, para "profundar no autor" e programar actividades para fomentar un "maior coñecemento da súa obra". "Creo que pode ser unha boa oportunidade, e pode ser tamén, desde logo, un complemento extraordinario a estas cátedras", subliñou o conselleiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.