Semella que teñen medo a que saían á luz as barbaridades que fixeron a maioría dos seus antecesores. Digo isto, pois hai uns días un xornal publicou que o presidente Trump mandara agochar no almacén do museo de EE.UU todo o referido á escravitude no pais das barras e estrelas. Eliminar parte do pasado e escondelo pra esquecer e borrar da historia os acontecementos máis negros tivo ese pais, e todo para que os visitantes e as novas xeracións descoñezan as calamidades da escravitude. Ise parece ser o obxectivo. Vamos, aparentar e airear as virtudes mentres se agochan, que non son poucas, as miserias.
Esa maneira de actuar tráeme lembranzas do que tamén a dereita española e algún académico escritor din aínda hoxe con insistencia. Pois queren borrar da historia recente, propondo pasar páxina dos feitos escuros da ditadura franquista. Non hai moito tempo voceiros conservadores e ultras arremetían contra a lei de memoria democrática, dicindo que “la guerra del abuelo a nadie le interesa,” ou andar desenterrado a los muertos no procede”.
Esta forma de falar amosa moi pouca sensibilidade cos familiares de moitos represaliados, non só na guerra, se non nos anos posteriores da longa noite de pedra como lle chamou Celso Emilio Ferreiro. Sempre se di que cando se descoñece o pasado vólvese a pegar contra a mesma pedra e cometer os mesmos erros. E na nosa sociedade soamente se nos ensinou a historia dos vencedores daquela mal chamada cruzada. Todas as sociedades humanas teñen episodios escuros no devir da súa existencia. Pero que o ególatra, belicoso e narciso presidente americano, pretenda que lle dean o premio nobel da paz, mentres tenta agochar unha historia escura do seu pais. Borrar o pasado pra branquear a un estado que gañou espazo físico e vital a golpe de sangue e chumbo machacando as tribos indíxenas, e que agora pretende agochar a triste páxina do escravismo, parece un sarcasmo monumental.
O mundo actual esta gobernado por persoas con moi pouca humanidade e moito egocentrismo. Estas persoas que chegaron ó poder por teren moita labia e que agora arremeten, como é o caso de Trump, contra dereitos básicos das sociedade son un tanto noxentas. Persoas que actúan como incendiarios e que agora queren aparecer como bombeiros pedindo cordura.
Camiñar pola vida con tanta prepotencia; pretender que o departamento de defensa se chame da guerra; ir contra as normas electorais pra tentar perpetuarse no poder e culpar á esquerda do asesinato recente dunha persoa con moito predicamento e unha chea de cousas que fai este supremacista asusta ás persoas sensatas. Polo que esa maneira de actuar é un indicativo da catadura e as ansias de poder que encarna este señor e outros semellantes que tamén mandan nos imperios do planeta.
Vivimos tempos onde a lei da forza vale pra alterar fronteiras, pisar dereitos e impoñer normas e caprichos; vivimos nun tempo se derruba e mata a tripulacións sospeitosas de tráfico de drogas, no canto de detelas e xulgalas. Semella que xa todo está permitido. A foto de Trump nunha cadeira máis alta detrás dunha mesa e os demais presidentes europeos sentados en semicírculo en cadeiras máis baixas, recorda escenas do gran ditador de Chaplin. Pero o máis triste desta comedia é que dentro da vella Europa e neste estado o Trumpismo ten seguidores. Incendiarios verbais que asustan cando falan. En fin, agochar as miserias pra que non se vexan é un obxectivo que seguen a practicar moitos dos que mandan hoxe. Cara onde camiñamos vendo a moita mocidade insultando e buscando salvadores onde non hai sustancia e manda a intolerancia. Semella que non coñecen a recente e triste historia da vella Europa e tamén deste pais. De pena.