Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/09/2025 | Actualizada ás 14:29
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, pediu ao Goberno que atenda as necesidades de enerxía de 15 zonas que considera "estratéxicas" en Galicia e que agora teñen "escasa ou nula potencia", de forma que sexan incluídas na planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o período 2025/2030. Así se pronunciou a titular de Economía do Goberno galego en declaracións aos medios antes de reunirse en Madrid co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, e con responsables de Rede Eléctrica Española (REE) para abordar a proposta de planificación desta rede.
A reunión ten lugar, ademais, un día despois de que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzase que o Goberno central denega a subestación eléctrica de Altri que demandaba para o seu proxecto en Palas de Rei, así como a conexión eléctrica necesaria para o seu funcionamento. María Jesús Lorenzana sostivo que para Galicia esta é unha reunión "importantísima" porque está en xogo o "futuro industrial e enerxético". "E, por tanto, o futuro económico da nosa comunidade nos próximos anos", afirmou.
A conselleira asegurou que Galicia ten "moitos investimentos pendentes de poder ter unha conexión eléctrica" e que é "exclusivamente todo o que necesitan para poder ser unha realidade". "Galicia está a ser moi atractiva tanto para investimentos estranxeiros e nacionais como para o crecemento de empresas que actualmente xa están asentadas na comunidade", dixo. Ademais, sinalou que a Comunidade galega ten un desenvolvemento moi importante de enerxías renovables que necesitan que se reforce a rede de transporte eléctrico para poder evacuar enerxía. "Que esa electrificación que estamos a ver da economía sexa unha realidade", engadiu.
Por todo iso, dixo que espera que o secretario de Estado de Enerxía "dea resposta" ás peticións que a Xunta leva facendo desde hai "meses" de cara á planificación da rede de transporte de enerxía eléctrica para o período 2025/2030. Nelas, segundo dixo, a Xunta sinala 15 zonas "estratéxicas" que "agora mesmo teñen escasa ou nula potencia eléctrica" e que, por tanto, "necesitan dese reforzo para que sexa posible que se instalen novas industrial e para que sexa posible tamén que os proxectos tanto de enerxía hidráulica como de enerxía eólica, fundamentalmente, poidan asentarse e poidan verter á rede de transporte eléctrico a enerxía que producen".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.