Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/09/2025 | Actualizada ás 15:40
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta creará por lei a oficina de apoio e asesoramento legal ao profesorado fronte a calquera tipo de violencia, coa intención de “reforzar a súa posición” e lanzar “unha mensaxe nítida a favor da autoridade e do respecto”. A nova oficina, que xa fora adiantada polo presidente da Xunta no verán, quedará recollida na lei de acompañamento dos orzamentos de 2026 mediante unha modificación da Lei de convivencia e participación da comunidade educativa.
Rodríguez defendeu esta medida ante a necesidade de contar con apoio en casos de “ameazas, faltas de respecto ou calquera tipo de agresión verbal, física ou dixital”. Ademais, avanzou cambios para “prestixiar” a profesión docente, como a actualización da carreira e das oposicións, cunha revisión dos temarios e a incorporación de competencias pedagóxicas “brandas”. Tamén sinalou a necesidade de consenso estatal para axustar o número de prazas universitarias ás necesidades reais e anunciou que se traballa nun plan de igualdade específico para o profesorado.
O conselleiro puxo en valor que este curso arrinca con preto de 303.000 escolares, 4.255 menos que o ano pasado, pero cun aumento de 150 docentes que sitúa a cifra total en máis de 31.750. “Hai máis profesores ca nunca”, asegurou, fronte ás críticas de recortes. Entre as novidades, citou novos plans de lectura, programas de oratoria e debate, a incorporación ao modelo Global Classrooms en 3º da ESO e accións específicas en centros con máis alumnado estranxeiro, ademais da prioridade de combater o bullying.
A oposición, porén, criticou duramente a xestión. O BNG denunciou falta de investimento, peches de centros e recortes de profesorado, ademais de acusar á Xunta de “censura ideolóxica”. O PSdeG advertiu dun inicio de curso “caótico”, con carencias en inclusión e aulas saturadas, e vinculou o ataque cun cóctel Molotov en Monforte cos discursos de odio da dereita. Pola súa banda, o PP defendeu que o curso arrinca con “normalidade” e que as instrucións de neutralidade ideolóxica son unha “garantía de pluralidade social e pensamento crítico”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.