Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2025 | Actualizada ás 13:36
A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, avisou ao Goberno central de estar "a repetir os erros" do anterior plan estatal co novo, para o período 2026-2030, e para o que acaba de ser convocada a conferencia sectorial o próximo 2 de outubro.
Ante o que considera "unha falta de respecto total" ás comunidades, a Xunta pediu unha reunión bilateral previa "para propor de novo as medidas reais" que o Executivo autonómico considera precisas para atallar o problema de acceso á vivenda.
A convocatoria de conferencia sectorial chegou, segundo constatou a conselleira en rolda de prensa, "tan só horas despois da reunión técnica multilateral en que todas as comunidades autónomas manifestaron as súas obxeccións a este plan". "No canto de analizar as alegacións e sen tan sequera esperar a que termine o prazo de información pública, convoca (...) Pretenden vendelo como un mero trámite e estámonos xogando moito", subliñou Martínez Allegue.
Neste sentido, lembrou que a Xunta leva solicitando esta reunión desde principios de 2025 e denuncia un "atraso que pon en serio perigo as convocatorias de axudas". "Así non se fan as cousas. É unha falta de respecto total ás comunidades autónomas, non se pode frivolizar", criticou.
"O Goberno non pode cometer os mesmos erros que co plan anterior. Lonxe de resolver os problemas de acceso á vivenda vén agravalos", proseguiu.
E é que a conselleira entende que dito problema "non se soluciona só con axudas ao aluguer", senón que "hai que construír vivenda". Ao seu xuízo, "hai que mobilizar ao sector con políticas que incentiven, non que retraigan" a construción.
Por iso pide ao ministerio "que escoite ás comunidades" e traballar "conxuntamente", pero asegura que "só" pode "constatar falta de diálogo", xa que "convocan sen cambiar nin unha soa coma" no que percibe como "unha imposición en toda regra". Deste xeito, resume que "non é un plan estatal, é o plan de Isabel Rodríguez" ou o de Pedro Sánchez.
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, a responsable galega de vivenda fixo fincapé na idea de que hai 10 meses que a Xunta mandou as súas achegas. "Somos as comunidades as que temos as competencias e imos implementar ese plan e eses programas", recalcou, antes de censurar de novo que "tentan impor medidas" e "están a repetir os erros do plan anterior".
AXUDAS A PROMOTORES
En concreto, o Goberno galego expón "axudas reais a promotores" e "axudas para promover ou urbanizar chan", implicar ás entidades financeiras e, en palabras de Martínez Allegue, "construír casas".
Fronte a isto, denuncia "oídos xordos" e sinala que "agora obrigan a cofinanciar para poder entrar neste plan, cun 40%", o que "supón que Galicia ten que quintuplicar a súa achega".
"Un esforzo orzamentario que Galicia por suposto que está disposta a asumir, así o manifestamos. Dixemos si a ese cofinanciamento, pero non pode ser que se nos diga en que cofinanciar", continuou.
En relación ás "medidas impostas que se demostraron ineficaces", especificou algunha como a declaración de zonas tensionadas e reiterou que a Xunta aposta por "incentivar e non prohibir e castigar".
O plan, na súa opinión, "non é flexible, é ríxido", e "fixa requisitos, fixa documentación, prazos". "Chega ao absurdo de que nos indica como temos que contratar as obras", chamou a atención. Isto é para a conselleira "inaudito" e "roza a invasión de competencias" e ata "unha posible ilegalidade que, por suposto", dixo, a Xunta analizará "se ao final é aprobado nestes termos".
"DIFICILMENTE APLICABLE EN 2026"
Do mesmo xeito, insistiu no "inxustificable atraso nun momento de especial dificultade de acceso á vivenda" e augurou que o plan "dificilmente vai ser aplicable en 2026". "Existe un perigo certo de que non se poida convocar nada ata o segundo semestre do ano 26. É unha gran irresponsabilidade na xestión pública", remachou.
Lamentando "cero debate" e "cero escoita", a titular de Vivenda concluíu que o ministerio "está ninguneando ás comunidades" coa "desvergoña" de "que falen de diálogo e cooperación". "Se é o que vimos onte, ou a que levamos padecendo desde o inicio da lexislatura, é para preocuparse", agregou.
E avanzou que "por suposto" a Xunta acudirá á conferencia, "coa mellor das vontades", pero esixiu que "o ministerio debe escoitar".
A maiores, o Goberno autonómico solicitou unha reunión bilateral previa "para propor de novo as medidas reais" que pasan por deixar "de demonizar ao propietario e ao sector da construción" para ir "da man para poder todos construír máis vivenda".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.