Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/09/2025 | Actualizada ás 16:02
O Parlamento galego instou, por unanimidade a proposta do BNG, a rematar as obras da base da unidade operativa dos equipos de extinción (BUO) de Rianxo e que se poña en funcionamento antes de que remate este 2025. O BNG denuncia que as obras desta base comezaron en maio de 2023, e na campaña electoral de 2024 prometeuse que estaría operativa no verán de 2024, pero sostén que máis dun ano despois segue sen estar activa.
Na Comisión de Agricultura, Rosana Pérez (BNG) censura que "acabando 2025" non se ten esta BUO, cunhas obras "paradas", á vez que a Xunta "aprema" a outros municipios para "montar outras BUO". "Vai sendo moita hora, e moita hora de que non nos mintan máis", clamou. Neste sentido, Carmen García Dacosta (PSdeG) criticou a política de "improvisación" da Xunta na loita contra o lume. Pon este caso como un síntoma do "fracaso" da actuación do Goberno galego "mentres Galicia é devorada polas chamas".
Respecto diso, o deputado popular Ángel Rodríguez Conde asegurou que esta base "xa está aberta" e operativa "desde o 7 de agosto". Rosana Pérez sinala que o deputado popular "di que entrou en funcionamento o 7 de agosto" unha "base a medio rematar e ábrena pola porta de atrás para dicir que a base está aberta", aínda que "a verdade" é que "non a acabaron". "Convídolle a que vaia alí, de corpo presente, e comprobe como está a base", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.