O PP denega a moción do BNG na Deputación de Ourense para condenar o xenocidio en Gaza: "Iso debe recoñecelo a Corte Penal"

O pleno aproba as mocións presentadas por PSOE e PP para o control de augas nas Cunchas e a suspensión das regras fiscais.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 26/09/2025 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

O voto en contra do PP denegou a moción presentada polo BNG de Ourense no pleno da Deputación de Ourense para condenar o xenocidio cometido por Israel contra o pobo palestino --con voto a favor do PSdeG á proposta e abstención de Democracia Ourensana--. A sesión comezou cun minuto de silencio para "condenar os crimes en Gaza". Entre as principais demandas, o grupo nacionalista provincial pedía tamén "vetar a contratación pública con empresas relacionadas ao Estado de Israel", "non manter contactos, encontros ou intercambios con ningunha institución israelí", ou "apoiar a campaña de boicot, desinversiones e sancións contra Israel".

O portavoz provincial do Bloque, Bernardo Varela, acusou ao PP de que "se mantén en posicións negacionistas", ademais de que o Estado "se nega a romper relacións con Israel". Incide na importancia da "presión popular" para "favorecer a tomar medidas". "Eu creo que temos moito que dicir, non pode ser que sigamos de costas á realidade", engadiu. Pola súa banda, o grupo popular en Ourense incidiu en que a administración provincial "non ten competencias nesta materia", recalcou que si piden o "cesamento do fogo" e defenden a "axuda humanitaria", pero que "esta moción non resolve nada". "Realmente imos conseguir algo con isto?", engadiu a portavoz popular, Patricia Torres.

Nesta liña, Torres lembrou o minuto de silencio que abría o pleno, argumentando que o grupo de goberno "si pide paralizar o conflito" e "recoñece os crimes" e "a barbarie", pero destacou que o termo "xenocidio" é un "termo xurídico" que "debe recoñecer a Corte Penal Internacional". Ante a intervención popular, o PSdeG provincial destacou que defender "unha postura recoñecida como xusta a nivel mundial merece que se trate en pleno" e acusou ao PP de "practicar a técnica do escurantismo" ao "pechar os ollos ante a barbarie". "O PP mantense en dicir 'non nos gusta o que está a pasar', a súa morneza é inaceptable", lamentou o deputado provincial socialista, Xosé Carlos Valcárcel.

"Parece que hai dúas varas de medir, unha en Rusia e Ucraína, e outra en Palestina e Israel", engadiu Valcárcel, e incidiu, ademais, en que a "responsabilidade moral e política" tamén "é de quen cala e evita chamar ás cousas polo seu nome" e acusou a "a ultradereita" de "recorrer á inacción". Nesta liña, nacionalistas e socialistas coincidiron en que "as palabras moven conciencias e posicións" e recalcaron que "non hai tempo para medias tintas e eufemismos". "As escusas están esgotadas para a dereita, España escolleu o camiño correcto", engadiu Valcárcel. Pola súa banda, o portavoz provincial de Democracia Ourensana, Rafael Martínez, destacou que a moción veu como unha forma de "publicidade das desgrazas alleas" e apuntou ao Goberno central por un decreto para o embargo de armas que "chega tarde" e "non é realmente un embargo de armas".

Minuto de silencio no pleno da Deputación de Ourense para condenar os crimes en Gaza
Minuto de silencio no pleno da Deputación de Ourense para condenar os crimes en Gaza | Fonte: EUROPAPRESS

"Sodes unha cuadrilla de hipócritas, non vengais aquí a vender a vosa caridade", engadiu. Martínez mantivo que "Netanyahu e o seu goberno están a cometer un xenocidio", pero engadiu que "non se pode culpar a todos os xudeus" e acusou ao BNG de ser "sionistas en certa forma" ao definir o sionismo como "un movemento político nacionalista, neste caso, xudeu". Pola súa banda, o presidente da Deputación insistiu en que o PP "se remite ao aprobado na Fegamp", recalcou que "ninguén está de acordo co terror e o masacre" e acusou a nacionalistas de "centrar as cuestións nun termo" (xenocidio) e a socialistas de "aproveitar unha cortina de fume" ante "os membros do partido sentados no banco".

SUSPENSIÓN DAS REGRAS FISCAIS

Con todo, o pleno aprobou a moción do PP ourensán para "eliminar ou flexibilizar" as regras fiscais para todos os Concellos "dada a grave situación económica que padecen", "agravada recientemene" na provincia "debido aos incendios forestais". En concreto, a moción contou co voto favorable de PP, BNG e DO, que a catalogaron como unha "proposta xusta" ante un "problema real", pero foi rexeitada polo PSdeG de Ourense, cuxo portavoz, Álvaro Vila, lamentou que populares "usen o argumentario dos incendios" para "reclamar flexibilidade nas regras fiscais" e catalogouno como "un esforzo de silenciar voces críticas" tras os lumes.

Vila incidiu en que o grupo socialista "está de acordo coa suspensión de regras fiscais", pero incidiu en que "non participarán" nunha moción que busca "blanquear os incendios". Neste sentido, o protavoz provincial nacionalista recalcou que "valorar esta proposta non é valorar a xestión dos lumes do PP" e subliñou que os incendios son "un reforzo desa necesidade" de que os municipios "poidan facer uso dese remanente de tesouraría" que "boa falta fai a todos os concellos".

CONTROL DE AUGAS NO ENCORO DAS CUNCHAS

Tamén foi aprobada a moción proposta polo PSdeG para "garantir o control rigoroso da calidade das augas de abastecemento" nos municipios afectados pola contaminación no encoro das Cunchas e o "cumprimento estrito das competencias municipais". Unha moción que foi aceptada coas emendas presentadas polo BNG, que pediu "executar" e "cumprir" a sentenza do TSXG que condenou á Xunta e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil pola súa "inactividade" ante a "degradación ambiental" do encoro das Cunchas e por vulnerar dereitos fundamentais dos veciños.

Neste sentido, o portavoz de DO, Rafael Martínez, insistiu en que a "sentenza histórica" que partía dunha denuncia "presentada por sete veciños a título persoal", condenaba a Xunta e CHMS, "gobernadas por PP e PSOE respectivamente", e defendeu que a Deputación "xa está a facer o que marca a lei". Pola súa banda, o PP provincial afeou unha moción "confusa" e "con inexactitudes", insistiu en que a coordinación "non lle corresponde á Deputación", senón "á autoridade sanitaria" e pediu "dirixirse máis" á Confederación Hidrográfica Miño-Sil. "Afirmar que a Deputación non cumpre coas súas obrigacións é falso, a Deputación actúa e cumpre na súa competencia", engadiu.

OUTROS ASUNTOS

Ademais das cuestións anteriores, a sesión ordinaria do pleno aprobou por unanimidade a delegación na administración provincial das competencias de xestión, liquidación e recadación do Concello de Barbadás, a modificación das bases de execución do orzamento vixente, ou a desinganción de Emilio Luís Díaz como novo representante do Consorcio Provincial contra Incendios, en substitución de Aurentino Alonso. Así mesmo, o pleno aprobou tamén a adhesión da administración provincial ao marco de colaboración entre Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e os Sistemas de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SRAP) de residuos electrónicos, domésticos e en materia de pilas; e a moción presentada por Democracia Ourensá para "recuperar e manter" os "Camiños de Carro" de Ourense, coa abstención de PP, PSdeG e BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta