Lanzan 15 cachorros ao río en Gondomar e 10 morren afogados

Por Galicia Confidencial | VIGO | 01/10/2025 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

A Policía Local de Gondomar investiga un grave caso de maltrato animal tras localizar quince cachorros de can arroxados ao río de Peitieiros, baixo a ponte de O Salgueiro. Dez deles foron atopados sen vida, mentres que outros cinco puideron ser rescatados e trasladados ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra.

Cans afogados en Gondomar
Cans afogados en Gondomar | Fonte: Concello de Gondomar

O achado produciuse o pasado xoves 25, logo de que un veciño alertase ás autoridades ao escoitar os xemidos dos animais desde o leito do río. Axentes da Policía Local acudiron de inmediato e confirmaron a tráxica escena: varios dos cachorros faleceran por afogamento.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, expresou a súa “condena rotunda” e cualificou o suceso como “un acto de crueldade intolerable que nos avergoña como sociedade”. O rexedor asegurou que o Concello porá todos os medios ao seu alcance para colaborar coa investigación e que “feitos tan graves non queden impunes”.

A Policía Local mantén aberta a investigación para identificar ao autor ou autores e solicita a colaboración cidadá, lembrando a extrema gravidade deste episodio de maltrato animal, que conmocionou aos veciños da zona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta