Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2025 | Actualizada ás 11:44
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores o decreto polo que se regula a provisión de prazas na administración autonómica destinadas a persoas con discapacidade intelectual, un decreto que entrará en vigor en 20 días. A norma foi aprobada o pasado 8 de setembro no Consello da Xunta e pretende garantir o respecto do principio de igualdade de trato de persoas que acreditan discapacidade intelectual (polo menos un 33 %), ademais de regular as condicións para o seu acceso ao emprego público.
Segundo se recolle no decreto, polo menos un 2 % das prazas convocadas deben estar reservadas para persoas con discapacidade intelectual e as convocatorias realizaranse de forma separada respecto á quenda xeral. Aqueles aspirantes que non obteñan praza poderán formar parte dunha lista para acceder a contratos temporais, en réxime de interinidade ou como persoal laboral temporal.
Tamén se inclúe a elaboración dun catálogo no que se inclúan aqueles postos de traballo que son susceptibles de ser desempeñados por persoas que acreditan discapacidade intelectual, e prevense medidas para adaptar e axustar o posto de traballo asignado unha vez superado o proceso selectivo. Igualmente, nun prazo de seis meses desde a entrada en vigor do decreto, elaborarase un protocolo de "acollida" para facilitar a incorporación ao emprego público deses traballadores con discapacidade intelectual.
En materia de formación, para mellorar e apoiar a promoción das persoas con discapacidade intelectual, o novo texto establece que a EGAP debe realizar polo menos unha actividade formativa ao ano destinada a persoas con este tipo de discapacidade. Tamén se establece o compromiso de realizar cursos formativos en condicións de accesibilidade e fomentar a sensibilización e formación do persoal para "acoller" a estes traballadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.