Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2025 | Actualizada ás 13:04
A Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN) solicitou "a implicación de todas as Administracións, entidades e centros" para integrar e facilitar os procesos de acollida de migrantes e lembrou que os Gobernos, tanto central como autonómico, teñen a "obrigación e o compromiso" de facelo. Preguntada polos medios de comunicación durante a presentación da nova campaña da entidade, a presidenta, Ana Pardo, ampliou asegurando que o terceiro sector "ten a responsabilidade de saber o que facer e de acompañar para que sexan experiencias de éxito".
"A realidade é que agora mesmo falando de poboación migrante e ademais de menores, creo que temos que partir da base como sociedades de enfoque de dereitos. Son nenos que non escolleron a situación na que naceron e na que viviron", explicou. Ademais, lembrou que Galicia ten unha poboación "tremendamente envellecida", na que non hai substitución xeracional para cubrir moitos postos de traballo. Polo que a única maneira de conxugar todo isto é a través de "facilitar eses procesos migratorios, capacitar, formar e dar oportunidades". "Temos dous posicionamentos: Ou o vemos como algo moi positivo e que nos vai a permitir mellorar como sociedade, ou o facemos desde o odio e o discurso negativo, que ao final non nos vai a permitir construír absolutamente nada", concluíu.
ÉXITO DO TERCEIRO SECTOR
A Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN) presentou este mércores a súa nova campaña 'Orgullo Terceiro Sector' baseada no "coñecemento e o recoñecemento" para reivindicar o traballo que realizan as entidades e dalo a coñecer á sociedade. Manuel Rey, membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, lembrou que o nove de outubro celébrase o Día Nacional do Terceiro Sector e remarcou que "persisten sobre estas entidades descoñecemento e prexuízos".
Para contrarrestalo, a entidade creou esta campaña, que conta cunha visión a longo prazo e varias fases de traballo. En primeiro lugar, realizarase a de coñecemento --coa participación da cidadanía a través de entrevistas na rúa-- , para visibilizar o traballo que realizan as entidades. A continuación, levarase a cabo unha segunda, enfocada no recoñecemento, na que as entidades achegarán datos para contestar ás mesmas preguntas que responderon as persoas entrevistadas. Posteriormente, responderán á pregunta "Por que estou orgullosa de traballar no terceiro sector?".
Durante a súa intervención, a presidenta da entidade, Ana Pardo destacou que o terceiro sector é "unha peza fundamental na transformación social, na defensa dos dereitos e da poboación máis vulnerable", pero "tamén constitúen parte do sector industrial, xerando riqueza e creando emprego", aínda que "sen ánimo de lucro". Pola súa banda, o director da entidade na Comunidade, Xosé Cuns, subliñou que todos os días polo mero feito de existir as entidades crean valor económico. Con todo, "moitas veces non se lles recoñece o financiamento á hora de competir con empresas".
"A realidade é que en España, o terceiro sector case representa un 1,5 % do PIB, traducidos en máis de 19 mil millóns de euros que ingresa anualmente este sector", salientou. Con todo, a campaña 'Orgullo Terceiro Sector' nace precisamente da "constatación de problemas comunicativos, como o descoñecemento do labor das organizacións do sector, a existencia de prexuízos ao redor do seu traballo e a circulación de desinformación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.