Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 06/10/2025 | Actualizada ás 18:49
A Xunta porá en marcha, xunto coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), un proxecto en depuradoras de cinco localidades galegas --Tui, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago-- co que se analizarán as augas residuais para analizar o consumo de drogas co obxectivo de empregar ese coñecemento en tarefas de prevención e a nivel de saúde pública "nun contexto de aparición continua de novas drogas". Así o avanzou este luns en rolda de prensa tras a reunión semanal do Goberno galego o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, que detallou que as análises medirán o consumo de cocaína, cannabis, fentanilo e outras drogas.
O proxecto levarase a cabo mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, Augas de Galicia e a USC e contará cun orzamento de 50.000 euros. Segundo destacou Calvo, esta iniciativa "non só ofrecerá datos sobre o consumo de certas sustancias, senón que permitirá detectar a entrada de novas drogas emerxentes". "Non buscamos substituír outros sistemas de vixilancia epidemiolóxica, senón que buscamos reforzar a prevención con novos indicadores" expuxo o representante autonómico, que apuntou que o proxecto comeza en cinco depuradoras, pero non descartan amplialo en próximos anos.
AXUDAS CONCELLOS
Doutra banda, o Consello da Xunta autorizou este luns unha nova liña de axudas, dotada cun orzamento de 2.588.866 euros, para apoiar aos concellos e ás entidades locais no desenvolvemento de programas e actividades de prevención de condutas aditivas. O obxectivo, detallou o Goberno galego, é diminuír o impacto sanitario e social dos trastornos aditivos, para o que se incrementa nun 3 % a partida desta liña de axudas, á que poderán concorrer os concellos, as mancomunidades e as agrupacións de concellos.
Este novo programa de subvencións estenderase ata o ano 2028 co fin de permitir desenvolver intervencións sostidas no tempo, máis eficaces e para facilitar unha maior estabilidade dos equipos humanos implicados nos proxectos. Así, a Xunta colaborará coas entidades locais que desenvolvan actividades vinculadas aos programas inseridos no Plan de Galicia sobre drogas (Saúde na escola, Activa, Máis que un teito, Ao alcance, etc...), aos plans de inspección autonómicos, ou aqueles que actúen como nexo de unión entre as diferentes entidades implicadas no ámbito da prevención (centros educativos, sanitarios, sociais, entidades veciñais, etc.).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.