Un Sabonis en Riazor

O Básquet Coruña xa ten a súa primera fichaxe, Tautvydas Sabonis, de 2,03 e 24 anos, procedente do Palma Air Europa e fillo do mítico Arvydas Sabonis. Será o oitavo xogador laranxa tralas sete renovacións anunciadas.

Por gcdeportes | A Coruña | 13/07/2016 | Actualizada ás 08:18

Comparte esta noticia

Agora que se cumpren 30 anos de cando un mítico Arvydas Sabonis con 21 anos arrasou no seu paso por Ferrol no Mundobasket’86, vai o Básquet Coruña e ficha para a vindeira campaña na LEB Ouro o seu fillo, Tautvydas Sabonis, de 2,03 e 24 anos, pero xa cunha longa experiencia na segunda categoría do baloncesto estatal.

Tautvydas Sabonis, a campaña pasada no seu paso por Riazor co Palma Air Europa.
Tautvydas Sabonis, a campaña pasada no seu paso por Riazor co Palma Air Europa. | Fonte: Básquet Coruña

Tras media vida en Málaga (afincouse con 10 anos) e na canteira do Unicaja, Tautvydas Sabonis xogou o ano pasado no Palma Air Europa. Na 2016-17, será o oitavo xogador laranxa tralas sete renovacións anunciadas: Gediminas Zyle, Ben Stelzer, Zach Monaghan, Ángel Hernández, Sergio Olmos, Dago Peña e Joan Creus. Terá o lituano con acento andaluz a difícil misión de facer esquecer a Beka Burjanadze, que deu o salto á ACB en Andorra tras dúas tempadas en Coruña.

Foi a excelente imaxe do Leyma Coruña a Liga pasada e unha chamada do propio Tito Díaz o que fixeron decidirse ao ala-pivote lituano, con varias ofertas na categoría tralo seu paso por Palma, onde firmou 6 puntos, 4 rebotes e 1,3 asistencias en 18 minutos de xogo. Na Coruña, a onde chegará a mediados de agosto para comezar a preparación, deberá subir un chanzo e mellorar nas súas prestacións ás ordes do técnico lucense.

Coñecido como Tuti Sabonis, o fillo dun dos mellores pivotes da historia do baloncesto pode xogar indistintamente nos postos de 3 ou 4, no aleiro aproveitando a súa altura ante rivais máis baixos e no xogo interior máis aberto e aproveitando a súa rapidez cara á canastra.

Será Sabonis o segundo lituano vestido de laranxa trala renovación de Gediminas Zyle. Con oito xogadores xa confirmados, deberá agora o equipo de Tito Díaz reforzar o seu xogo interior para completar o plantel para aspirar a todo na tempada 2016-2017.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta