Leiceaga calcula que Galicia "necesitaría 20 anos para absorber o volume de desemprego", do que culpa á era Fei

O candidato socialista acusa o presidente galego da "deterioración intensísima" das condicións laborais en Galicia

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2016 | Actualizada ás 19:30 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Xaquín Fernández Leiceaga, asegurou que Galicia "necesitaría 20 anos para absorber o volume de desemprego" actual, do que responsabiliza á xestión do actual presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao que invitou a "tratar esta problemática sen ningunha frivolidade" e non como "un comentarista ou tertuliano da televisión".

Así se pronunciou o candidato socialista nunha comparecencia de prensa celebrada na mañá deste mércores en Santiago de Compostela, onde fixo balance da xestión de Feijóo á fronte da Xunta de Galicia dende que este chegase a San Caetano en 2009.

Neste sentido, afirmou que esta etapa caracterizouse pola "deterioración intensísima das condicións laborais" que converteu "unha crise xeral nunha situación dramática e incontrolable para Galicia".

Leicega afeou as políticas económicas da Xunta nos últimos anos que, na súa opinión, provocaron que Galicia recuperara "un 30% dos empregos destruídos pola crise" cando no conxunto de España se restableceron "o 50%".

Neste sentido, o socialista engadiu que dende o ano 2009 ata os datos da última Enquisa de Poboación Activa (EPA) referentes ao primeiro trimestre do ano, o paro en Galicia aumentou un "40% polo 20%" do total español.

Así as cousas, apuntou que a reelección de Feijóo como presidente galego por terceira vez suporía un "lastre" que "agravaría" a situación da economía de Galicia, ao tempo que reclamou "un ritmo máis vivo" na xeración de oportunidades laborais para aproveitar a "tímida recuperación" económica.

PROPOSTAS PARA O PROGRAMA

Por outro lado, Leiceaga avanzou tres iniciativas que se incluirán no programa dos socialistas de cara ás eleccións autonómicas. A primeira é a reforma do servizo autonómico de emprego, que implicaría a creación dunha "axencia galega de emprego" que tería "un técnico por cada 1.000 habitantes" e que se centraría en atender "sectores específicos", así como a elaboración de "pactos territoriais".

O segundo é un plan de formación para parados de longa duración co obxectivo de "restaurar as súas capacidades e que poidan adaptarse a outros sectores". Leiceaga recordou que este colectivo representa "o 60%" do total de desocupados e aumentou "nun 300% dende o ano 2009".

Por último, os socialistas incluirán no seu programa a creación dun "órgano de choque" para a inserción laboral dos "colectivos prioritarios" como os mozos, aos que "hai que dar apoio para facelos competitivos" no mercado laboral.

En relación a isto, recordou que o colectivo de menores de 35 anos é un dos máis castigados pola destrución de emprego, o que implica "unha poboación activa máis envellecida", así como o "desperdicio de enerxía e de talento de novos que non xeran riqueza en Galicia" porque se ven "expulsados" e obrigados a emigrar.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta