Os galegos pasaron de liderar o consumo de alcol en España a ser os que menos beben

Un estudo estatal recolle datos históricos sobre consumo de bebidas e mostra que Galicia pasou de ser a autonomía na que máis se inxería alcol, en 1981, a estar entre as tres que menos consumen este tipo de bebidas na actualidade. A cervexa xa supera o viño en España.

Por Alberto Quian | Madrid | 22/07/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A principios da década de 1980, os galegos eran os maiores consumidores de bebidas alcohólicas en España. Daquela, o consumo medio entre os galegos era de 408 gramos por persoa e día, moi por enriba dos 170 gramos da media estatal e case o dobre que nas autonomías que seguían a Galicia por volume de consumo: Murcia (237 gramos por persoa e día), La Rioja (221), Cantabria (214) e Navarra (210). Porén, as tendencias no consumo de alcol mudaron radicalmente nas últimas décadas en Galicia e no resto do Estado, e os galegos atópanse actualmente no grupo máis moderado, con tan só 52,7 gramos por persoa e día, só por diante dos consumidores de Castilla y León (52,2) e Cantabria (50,5)

Botellas de alcol nun bar
Botellas de alcol nun bar

Segundo o estudo 'Fifty years of beverages consumption trends in Spanish households', publicado na revista Nutrición Hospitalaria, o consumo de bebidas alcohólicas caeu dramaticamente no conxunto do Estado nos últimos 35 anos, sendo a caída máis acusada en Galicia, que pasou do primeiro posto ao quince entre as dezasete autonomías españolas. En concreto, o consumo diario de bebidas alcohólicas por habitante diminuíu no noso país un 87 por cento entre o período 1980-1981 e 2014. E no conxunto do Estado a caída foi do 57,3 por cento, pasando de 170 gramos por día e persoa en 1981, a 72,6 gramos en 2014.

Os que máis alcol consumen actualmente son os murcianos (94,3 gramos por persoa e día), os cataláns (83,9 gr.), os baleares (83 gr.), os andaluces (79,3 gr.) e os valencianos (75,3 gr.).

As bebidas alcohólicas máis consumidas polos españois son, por esta orde: a cervexa (41,3 gramos por persoa e día), o viño (23 gramos), outras bebidas con viño (3,6 gramos) e viños escumosos, champagne e cava (1,5). Bebidas como o brandy, o whiskey ou a xenebra son consumidas en cantidades de 0,4 gramos por persoa e día.

O estudo constata que malia ser España un país de longa e arraigada tradición de produción e consumo de viños, e a pesar de non ter unha fama cervexeira tan marcada como nos países anglosaxóns ou nórdicos, "nos últimos anos produciuse unha substitución gradual do viño pola cervexa", representando esta última "case o 56% do total do consumo de bebidas alcohólicas na actualidade", salientan os autores da investigación.

Asistentes a unha cata de viños naturais.
Asistentes a unha cata de viños naturais.

BEBIDAS NON ALCOHÓLICAS

Os autores do estudo tamén analizan a evolución do consumo de bebidas non alcohólicas nas dezasete autonomías do Estado. Os datos reflicten que á par que caeu a inxesta de alcol, aumentou a de auga e outras bebidas. En concreto, no último medio século, entre 1964 e 2014, o consumo de bebidas non alcohólicas aumentou no conxunto de España un 621 por cento, mentres que o de bebidas alcohólicas caeu aproximadamente un 50 por cento.

Galicia é unha das autonomías onde menos se beben líquidos sen alcol: 245 gramos por persoa e día, se ben é case o dobre que en 1981, cando a cantidade era de tan só 132. Só os madrileños (236 gramos), navarros (229) e vascos (208) consumen menos volume de bebidas non alcohólicas que os galegos. Pola contra, baleares (521) e canarios (515) son os que máis líquidos sen alcol inxiren. A media estatal sitúase en 332 gramos por persoa e día, fronte aos tan só 46 gramos do ano 1964 ou os 98 de 1981.

A bebida non alcohólica máis consumida polos españois é a auga (144 gramos por persona e día), seguida dos refrescos de cola normais (30.7 gramos) e de cola light (20,5 gramos). Bebidas como os zumes e o leite son consumidas, de media, en cantidades de 10,7 gramos por persoa e día.

O estudo foi feito por investigadores da Fundación Española de la Nutrición (FEN) e da Universidad CEU San Pablo (Madrid).

-----------------------------------------------------

Paula Rodríguez Alonso, Susana Del Pozo de la Calle, Teresa Valero Gaspar, Emma Ruiz Moreno, José Manuel Ávila Torres, Gregorio Varela-Moreiras. (2016). 'Fifty years of beverages consumption trends in Spanish households'. Nutrición Hospitalaria, 33 (Supl. 3): 46-51. http://dx.doi.org/10.20960/nh.316

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 touziño

Entendo que son se refire a 408 g de alcol, senón de bebida alcoholica. Se é así hai un fallo no estudo, pois dalgún xeito hai que estandarizar a gradación das bebidas. Non é o mesmo cervexa de 5º que augardente de 45º. Así 408 g de cervexa son duas cañas pequenas, pero de 408 g augardente son un asesinato.