Temas: LOBO XUNTA

Máis de 16.000 firmas pola protección do lobo en Galicia

Denuncian que os cazadores aproveitan as batidas contra o xabarín para matar lobos de xeito ilegal. De feito, o 40% da mortalidade destes animais é debido a accións ilegais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/07/2016 | Actualizada ás 10:45

Comparte esta noticia

Unha campaña de Acopo Fauna leva xa recollidas máis de 16.847 firmas para demandarlle á Xunta máis protección do lobo e unha maior implicación na súa conservación. Tamén pide que se revisen os criterios para a autorización de batidas ao xabaril a finais de verán cando os cachorros aínda permanecen no lugar de cría.

Cachorros de lobo
Cachorros de lobo | Fonte: Miguel Mosquera

Segundo indica esta entidade, a maior causa de mortalidade do lobo é por causas relacionadas co home, sendo a mortalidade natural da especie moi baixa. A esperanza de vida dun lobo en catividade é de 15-16 anos, e en liberdade no mellor dos casos de 3,5 anos. Diversos estudos taxan a mortalidade a causa do home por encima do 60% (furtivismo, atropelos, envelenamentos, etc..). Ademais, a mortalidade ilegal é superior ao 40%. Actualmente, hai pouco máis de 70 grupos distribuídos por toda a xeografía galega (11 comparten territorio con outras CCAA e Portugal).

A mediados do mes de outubro, os cachorros xa empezan a acompañar regularmente aos seus pais nos percorridos polo seu territorio. Antes desta época, os seus movementos son moi limitados e sempre na contorna ao lugar de cría, sendo totalmente vulnerables ante ás accións directas e indirectas das batidas.

A Xunta de Galicia dispón de información detallada sobre a localización dos lugares de cría do lobo, grazas aos traballados realizados sobre a especie nos últimos anos (censos, radioseguimiento, etc..). Con todo, e a pesar de haber coñecemento por parte da administración da localización dos cachorros, autorízanse batidas ao xabaril a finais de verán (finais de agosto-principios de setembro) nos lugares de cría, e sen a presenza de ningún axente para velar porque todo transcorra dentro da legalidade.

Máis protección

“Calquera das consecuencias destas accións de caza son negativas para a especie, derivadas das propias molestias dos cazadores e cans, até agresións dos cans a cachorros e adultos, e disparos sobre algúns exemplares”, indica esta entidade.

Por iso, pídelle á Xunta que estableza mecanismos mínimos de protección para evitar que estas batidas supoñan unha ameaza para a viabilidade da poboación de lobos, e que aposte decididamente para que non se produzan accións ilegais durante a celebración das mesmas.

Para iso, propón a revisión dos criterios para a autorización de batidas ao xabaril e pide non autorizar batidas ao xabaril nos lugares de cría do lobo até polo menos o mes de novembro. Tamén demanda que estea presente algún funcionario durante a celebración de batidas ao xabaril sempre que poidan afectar o lugar de cría do lobo. “Esta medida evitaría as accións ilegais durante as batidas”, conclúe.

Temas: LOBO XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Hermerico

Mas de 16000 firmas por lá protección del lobo