A pola terceira Grandíssima

O arousán Gustavo César Veloso, vencedor das dúas últimas edicións, principal favorito na 78º edición da Volta a Portugal que principia este mércores. Os estradenses Álex Marque, líder do LA Alumínios Antarte e un dos aspirantes, e Óscar González, no Sporting-Tavira, completan a nómina de participantes galegos.

Por gcdeportes | Compostela | 26/07/2016 | Actualizada ás 09:57

Comparte esta noticia

Territorio galego: oito das últimas dez edicións viñeron para Galicia. Cinco do compostelán David Blanco, a do 2013 para o estradense Álex Marque e as dúas últimas para Gustavo Veloso. O ciclista arousán, líder do W52-FC Porto, será o rival a bater na 78ª edición da Grandíssima, como se coñece a Volta a Portugal no país veciño, que principia este mércores cun prólogo de 3,6 quilómetros en Oliveira de Azeméis. Entre os aspirantes, Álex Marque, este ano líder do LA Alumínios Antarte.

Veloso celebra a súa segunda Volta na entrada na meta de Lisboa.
Veloso celebra a súa segunda Volta na entrada na meta de Lisboa. | Fonte: volta-portugal.com

Dende este mércores, prólogo, dez etapas e día de descanso en Viseu para chegar o domingo 7 de agosto a Lisboa cunha etapa contra o reloxo de 32 quilómetros; co percorrido máis longo dos últimos anos, 1.618 quilómetros; con 18 equipas e 144 corredores e o regreso ao pelotón dos clubs FC Porto e Sporting; e co patrocinio do Banco Santander Totta.

Gustavo César Veloso, con 36 anos, vencedor no 2014 e 2015, asume que é o principal favorito e o rival a bater, pero como gosta dicir “ao final a estrada vai poñer a cada un no seu sitio”. O ciclista arousán chega “cos deberes ben feitos. Penso que igual que os últimos anos, máis ou menos, quizáis un chisco mellor, pero é difícil saber”.

Sobre o percorrido deste ano da Grandísima, apunta: “Todos os días hai algo, todos os días hai algún final cun porto que se sobe a 30 de meta, que se baixa, con moitas costas, con circuítos ao final complicados. Vai ser unha Volta para estar moi atento”. Pero o líder do W52- FC Porto sinala dous días que serán decisivos: o domingo 31 coa subida final de 11 quilómetros ao alto Sra. da Graça e a etapa do mércores 3, con dúas pasadas polo alto da Torre para rematar en Guarda cun porto de 3ª categoría.

Entre os aspirantes a destronar a Veloso, o estradense Álex Marque, de 34 anos, vencedor no 2013 e terceiro na última edición, este ano á fronte do LA Alumínios Antarte. E os portugueses, todo o ano preparando a Volta a conciencia, Joni Brandao, Rui Sousa ou José Gonçalves. E o italiano Rinaldo Nocentini, que ven de gañar o Trofeo Agostinho, líder do Sporting–Tavira, que contará co estradense Óscar González entre os seus gregarios. Serán pois tres os representantes galegos, xa que nesta edición non estará o moañés Delio Fernández, habitual os últimos anos e agora no Delko Marsella.

Percorrido 78ª edición Volta a Portugal:

Prólogo (27 xullo): Oliveira de Azeméis (3,6 quilómetros).
1ª etapa (28 xullo): Ovar (Furadouro) – Braga: (167,4 kms)
2ª etapa (29 xullo): Viana do Castelo – Fafe (160 kms)
3ª etapa (30 xullo): Montalegre – Macedo de Cavaleiros (158,9 kms)
4ª etapa (31 xullo): Bragança – Srª da Graça (191,9 kms)
5ª etapa (1 agosto): Lamego – Viseu (153,2 kms)
Martes 2 agosto: xornada de descanso
6ª etapa (3 agosto): Belmonte – Guarda (173,7 kms)
7º etapa (4 agosto): Castelo Rodrigo – Castelo Branco (182 kms)
8ª etapa (5 agosto): Nazaré – Arruda dos Vinhos (208,5 kms)
9ª etapa (6 agosto): Alcácer do Sal – Setúbal (187,5 kms)
10ª etapa (7 agosto): CRI Vila Franca de Xira – Lisboa (32 kms)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta