Na procura de tiburóns en Galicia

O grupo de biólogos Ecología Azul, a CEMMA e a páxina de Facebook 'Tiburones en Galicia' poñen en marcha un proxecto de monitorización para rexistrar todos os exemplares observados en augas costeiras galegas, ante o incremento da presenza de quenllas e doutras especies en portos e praias do país.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 26/07/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A presenza de tiburóns non é un fenómeno estraño en augas profundas de Galicia. O que non era habitual até hai poucos anos era a observación destes animais en augas pouco profundas, nas praias e portos galegos. Os últimos casos foron tres exemplares novos de quenllas (tiburóns azuis) atopados en Bueu, na praia de Razo (Carballo) e en Porto do Son, esta pasada ponte. Son precisamente os avistamentos de crías de quenllas (Prionace glauca) os máis habituais en augas galegas nos últimos dous anos, aínda que tamén se ten rexistrada a presenza de tiburóns peregrinos (Cetorhinus maximus).

Cría de quenlla atopada en Porto do Son
Cría de quenlla atopada en Porto do Son | Fonte: David Torres en Facebook.

Dende o verán de 2013, os científicos veñen observando un aumento da presenza destes animais en zonas pouco profundas do noso litoral. Por iso, os biólogos galegos que conforman o grupo Ecología Azul, en colaboración coa páxina de Facebook Tiburones en Galicia e a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), animáronse a realizar un rexistro destes estraños eventos. Para iso, veñen de poñer en marcha un proxecto de monitorización para documentar estes eventos, rexistrando de forma ordenada e pública todos os avistamentos de tiburóns que se producen en augas costeiras de Galicia. 

O principal obxectivo é, segundo explican, "establecer unha rede de monitoreo que sirva para rexistrar os avistamentos de quenllas peláxicas en augas costeiras de Galicia" para "facer un seguimento da evolución destas poboacións e dar resposta a moitas das interrogantes que expoñen estes eventos, de notable importancia ecolóxica".

Até o de agora xa teñen rexistrados máis dun cento de avistamentos, dos cales máis da metade concéntranse entre as penínsulas do Barbanza e do Salnés. A maioría destes rexistros son de quenllas, pero tamén existe un importante número de exemplares de tiburón peregrino identificados, aínda que "se incluirá calqueroutra especie de tiburón que se considere de interese polo seu carácter atípico, principalmente especies peláxícas", comentan os autores deste proxecto.

COLABORACIÓN CIDADÁ

Segundo explican no seu propio sitio web os biólogos responsables desta monitorización, "o obxectivo principal é documentar da forma máis completa posible a presenza destas especies, características de ambientes peláxicos, en zonas da costa galega. Para iso manterase unha base de datos exhaustiva con toda a información recollida e actualizada".

Mapa de avistamentos de tiburóns peláxicos na costa galega. En amarelo, quenllas rexistradas; en verde, tiburóns peregrinos
Mapa de avistamentos de tiburóns peláxicos na costa galega. En amarelo, quenllas rexistradas; en verde, tiburóns peregrinos | Fonte: Ecología Azul.

Os investigadores asumen que "a consecución do obxectivo depende en gran medida da achega voluntaria de toda esta información por aquelas persoas que teña a oportunidade de realizar algún destes avistamentos". É por iso que fan un chamamento público para o envío deste tipo de información.

Para colaborar nesta tarefa, calquera persoa pode comunicar as observacións a través das seguintes canles: mensaxes nas páxinas de Tiburones en Galicia, Ecología Azul e G+, ou por correo electrónico a apristurus69@gmail.com ou ecologia.azul@gmail.com.

Os científicos tamén convidan a usar canles habituais como o 112 ou a CEMMA, a Rede de Varamentos, cuxo teléfono de contacto é o 686989008, ademais de calqueroutra asociación ambiental que se coñeza.

Os impulsores deste proxecto aconsellan toda a información posible: día, hora, posición, zona xeográfica e datos sobre o lugar, tamaño aproximado, o comportamento do exemplar ou exemplares, sexo, etc. É convidan aos colaboradores a achegar unha ou dúas fotografías con referencia visual de tamaño do animal e, se é posible, unha instantánea da zona ventral, para confirmar sexo e a presenza de cicatrices umbilicais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 fala, tele, i eu obedezo

Que lhes muden o nome. Quenlhas non, son Santiaguinhos Del Cazuelo, así en castrapo e inventen unha historia para o turismo, unha lenda de que tiraron da barca dun santo para levalo ó porto de Ribeira, que o ponhan na tele do dia de galicia a CAGA dos atos coloniáis con bwana a facer ofrendas, que é o único que sabe facer quen desgoberna e vende esta terra, e os que os votan tampouco merecen máis, eles son os culpabeis.

1 garcia

o home mata un millon de quenllas e non pasa nada, unha quenlla come un home que se lle meteu polo medio e xa e todo un cristo... deixen vivir...