O tradutor Gaio xa ten aplicación móbil

A ferramenta xa está dispoñible para dispositivos con sistemas operativos iOS e Android.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 26/07/2016 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística veñen de lanzar a aplicación do sistema de tradución Gaio para dispositivos móbiles con sistemas operativos iOS e Android.

Aplicación móbil do tradutor Gaio.
Aplicación móbil do tradutor Gaio.

A aplicación móbil conta cunha interface moi sinxela e intuitiva e permite a tradución de textos entre galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O usuario pode ademais gardar as súas traducións favoritas, enviar suxestións para completar e mellorar os dicionarios de Gaio, configurar os idiomas por defecto e predeterminar se a aplicación debe ou non marcar as palabras descoñecidas.

A nova aplicación beneficiarase ademais de todas as melloras que se vaian incorporando aos dicionarios da aplicación web, que leva máis de dous anos en funcionamento a nivel interno na Xunta de Galicia, e dez meses dispoñible para toda a cidadanía.

MÁIS DE 3 MILLÓNS DE CONSULTAS 

Desde que se puxo a disposición da cidadanía hai dez meses, o servizo de tradución Gaio rexistrou 3,2 millón de consultas, que supuxeron a tradución de preto de 190 millóns de palabras. Desde setembro pasado, o diccionario en liña recibiu máis de un millón de visitas que puideron acceder á tradución directa e inversa de textos e de webs en galego, castelán, portugués, inglés, francés e catalán etc.

O servizo inclúe unha personalización de máis de 16.000 termos entre topónimos galegos, terminoloxía específica da administración, nomenclatura vinculada ás corporacións de todos os concellos, consellerías etc.

Gaio está accesible desde o Portal da Lingua Galega, que tamén se reestruturou en setembro pasado para harmonizalo co deseño corporativo da Xunta e coas súas directrices de transparencia, seguridade e accesibilidade; completar o traspaso ao dominio.gal e presentar a información e os servizos dunha maneira máis intuitiva e transparente para a cidadanía.

Con Gaio xa son 25 as aplicacións dispoñibles no catálogo de servizos en mobilidade da Xunta de Galicia e que abranguen servizos para demandantes de emprego (Mobem); para o ámbito educativo (abalarMóbil); para a mocidade (Carné Xove); relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute); coa pesca (Non piques-Non peques); co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus, Camiño de Santiago); coa prevención da violencia de xénero (escAPP) ou coas TIC na empresa (aplicación do Centro Demostrador TIC, CDTIC), entre outras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta