Un galego para a Penya

O técnico ourensán Diego Ocampo, de 40 anos, firma por dúas campañas co Joventut para substituír a Salva Maldonado. Será a terceira campaña consecutiva con dous adestradores galegos na ACB, coa sétima de Moncho Fernández no Obradoiro.

Por gcdeportes | Ourense | 27/07/2016 | Actualizada ás 10:23

Comparte esta noticia

UCAM Murcia, Estudiantes e agora Joventut. Outro clásico do baloncesto para Ocampo. De técnico axudante de Salva Maldonado no CB Tarragona en 2005 a substituílo en Badalona. O ourensán Diego Ocampo (9 de xaneiro de 1976) será o novo adestrador da Penya para as vindeiras dúas campañas.

Diego Ocampo, nun partido co Estudiantes.
Diego Ocampo, nun partido co Estudiantes. | Fonte: ACB Photo

O técnico galego chega a Badalona despois da frustrante experiencia da pasada campaña no Movistar Estudiantes, onde foi cesado en xaneiro tras acadar tan só tres vitorias en 16 xornadas. Este verán, Ocampo ía participar no Campionato de Europa coa selección española sub-18, pero a FIBA suspendeu indefinidamente o Europeo pola situación que se vive en Turquía, país anfitrión.

Malia a súa experiencia negativa no Estudiantes, Ocampo suma xa un extenso currículo con tan só 40 anos. Iniciouse como técnico nas categorías base do baloncesto ourensán (AB Ourense, Carmelitas Vedruna…), chegando a ser técnico axudante do COB na LEB. Na campaña 2004-05 emigrou a Cataluña, sendo segundo con Salva Maldonado en Tarragona, onde debutou como técnico na 2005-06. Despois foi axudante de Manel Comas, Pedro Martínez, Joan Plaza e Aíto García Reneses durante seis tempadas consecutivas no Baloncesto Sevilla.

Na campaña 2014-15 chegoulle a primeira oportunidade para adestrar na ACB, no UCAM Murcia, co que acadou a mellor clasificación da historia do club murciano ata aquel momento (17 vitorias e 17 derrotas). Ademáis, Ocampo foi dúas veces seleccionador galego e gañou un ouro coa selección española sub-16 no 2009, e repetiu cun bronce no 2011.

Deste xeito, e por terceira tempada consecutiva, haberá dous adestradores galegos na ACB: o compostelán Moncho Fernández (46 anos), que dirixirá por sétimo ano consecutivo o Obradoiro, e Diego Ocampo (40 anos), que sentará no banco do Joventut, onde coincidirá co xogador vigués Alberto Abalde, actualmente preparando os Xogos Olímpicos coa selección española.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta